Castela adianta Galiza na Segunda División B e o Lugo continúa imparábel

Fin de semana dispar para os equipos de fútbol galegos. Se na categoría de prata o resucitado Clube Deportivo Lugo de Mehdi Nafti obtivo ante o Logroñés a súa terceira vitoria consecutiva, na Segunda B os representantes do país perden corda cos de Castela na clasificación logo da disputa da segunda xornada de liga.
O Clube Deportivo Lugo xa acaricia a zona nobre da táboa clasificatoria. (Foto: CD Lugo).
photo_camera O Clube Deportivo Lugo xa acaricia a zona nobre da táboa clasificatoria. (Foto: CD Lugo).

O deporte do fútbol deu lugar, co paso do tempo, a multitude de frases recorrentes, denominadas popularmente como "topicazos", ás que recorren os futbolistas nas roldas de prensa independentemente da categoría ou do país no que se atopen.

Dúas das máis empregadas son "nunca hai que dar por morto ningún equipo" e "a novo adestrador, vitoria segura", clixés repetidos até a náusea pero que o renacido Clube Deportivo Lugo de Mehdi Nafti demostrou que agochan un fondo de verdade.

Porque hai apenas dúas semanas a directiva albivermella contrataba o francotunecino logo de destituír Juanfran, o heroe do ascenso, cando o equipo ocupaba a antepenúltima posición na táboa e, contra todo prognóstico, o conxunto lucense encadeou tres vitorias consecutivas.

A última foi ante o Logroñés en Las Gaunas, onde remontou un tanto contrario obra de Andy logo dun lanzamento errado de penalti por parte da escuadra rioxana xa no minuto 34. Non obstante, este novo Lugo de Nafti nunca se rende, e loitou até darlle a volta ao resultado e acabar gañando por 2-3. Con este triunfo o Clube Deportivo Lugo sitúase como décimo primeiro na clasificación, unha posición máis que enganosa, pois realmente está a tan só un punto do sexto posto, que dá acceso a disputar o play-off de ascenso.

Os derbis lastran Galiza

Por outra banda, os seis representantes galegos na categoría de bronce asinaron unha xornada marcada pola irregularidade, cedendo os postos nobres da clasificación a Unionistas e Zamora, teoricamente un dos equipos máis frouxos da categoría, pero o único quen de sumar dúas vitorias nos dous primeiros encontros.

A SD Compostela e o Deportivo asinaron un empate sen goles nun partido especialmente frouxo dos coruñeses, que non puideron contar coa presenza do seu adestrador, Fernando Vázquez, polo pasamento do seu irmán.    

Celta B e Rácing de Ferrol protagonizaron en Barreiro o segundo derbi da xornada, no que se impuxeron os visitantes por 0-1 cun tiro libre do veterano ex celeste Álex López.

Ao mesmo tempo, o Coruxo apañaba a súa segunda derrota consecutiva co Salamanca (2-0) e o Pontevedra non puido pasar do empate (1-1) co Unionistas no regreso do público a Pasarón.

.

Comentarios