Casos Covid no Benfica fan cancelar o torneo que o Breogán tiña en Lisboa

Confirmouse, por outra banda, que a Copa Galiza se mantén como unha competición en sistema de liga entre os clubes da LEB Ouro para buscar o participante na final, que se xogará ante o Obradoiro, polo título nacional.
breogan_20-21
photo_camera Equipo técnico e xogadores do CB Breogán para a campaña 2020-2021 (CB Breogán)

O CB Breogán non participará no torneo que o conxunto lucense tiña previsto disputar en Lisboa, despois de o clube organizador, o Sport Lisboa e Benfica, rexistrar varios casos da Covid-19 entre membros do seu cadro. 

"Todos os casos identificados estão a ser devidamente monitorizados, não apresentando à data qualquer critério de gravidade clínica. Os restantes elementos estão igualmente a ser acompanhados para o caso de ser necessário atuar. Face a esta situação, a edição deste ano do Torneio Internacional de Basquetebol masculino já não terá lugar", explicou nun comunicado o clube portugués.

Pola súa banda, o Breogán mandou unha mensaxe de apoio a través das redes sociais. No Twitter, escribiu: "Unha mágoa non poder participar  no Torneio Internacional de Lisboa previsto para esta fin de semana. Queremos enviar toda a forza aos amigos do Benfica para que pronto retomen a normalidade. Força Águias!"

Copa Galiza

Por outra banda, confirmouse que a Copa Galiza se mantén como unha competición en sistema de liga entre os clubes da LEB Ouro para buscar o participante na final, que se xogará ante o Obradoiro, polo título nacional.

Os partidos están previstos para a última semana de setembro, o primeiro, Breogán-COB; e para comezos de outubro, o segundo, Leyma-Breogán.

A final disputarase o 20 ou 21 de xaneiro, salvo que o equipo galego de LEB Ouro que xogue a final da Copa Galiza se clasifique  tamén para a final da Copa Princesa, o que obrigaría a buscar unha data alternativa.

Mantense a primeira xornada da LEB Ouro, o 16 de outubro.

Comentarios