Caso Djokovic: Australia vólvelle denegar o visado por non estar vacinado

A polémica arredor do tenista serbio semella chegar ao punto final a só tres días de que principie o Aberto de Australia, un torneo no que non poderá participar a rusa Natalia Vikhlyantseva por ter sido vacinada coa Sputnik V.
O tenista Novak Djokovic, adestrando nas pistas de Melbourne a pasada cuarta feira (Foto: AAPIMAGE/DPA).
photo_camera O tenista Novak Djokovic, adestrando nas pistas de Melbourne a pasada cuarta feira (Foto: AAPIMAGE/DPA).

Malia toda a polémica xerada nas últimas datas arredor da súa figura, finalmente o tenista serbio Novak Djokovic deberá abandonar Australia por non estar vacinado contra a Covid-19.

Así o confirmou na mañá desta sexta feira o ministro de Migración deste país, Alex Hawke, logo de que un tribunal tombase unha decisión previa neste senso e a escasos días de que debutase no Aberto de Australia, competición que comeza a vindeira segunda feira.

"Hoxe exercín os meus poderes baixo a sección 133C da Lei de Migracións para cancelar o visado de Novak Djokovic por motivos de saúde e orde pública, considerando que vai en favor do interese público", sostivo Hawke.

Esta decisión, lembrou o ministro, chega após o fallo xudicial do 10 de xaneiro, tombando a decisión previa de cancelación, e engadiu que para iso "considerouse coidadosamente a información achegada polo Ministerio do Interior, a Forza Fronteiriza Australiana e Djokovic".

"O Goberno está firmemente comprometido coa protección das fronteiras australianas, nomeadamente en relación á pandemia de coronavirus", salientou Alex Hawke.

O equipo de avogados e avogadas do deportista estuda agora a posibilidade de presentar un recurso contra esta nova negativa de Australia.

Unha tenista rusa non pode xogar coa vacina Sputnik

A polémica do serbio comezou a pasada semana, cando as autoridades policiais lle impediron a entrada ao país por non cumprir os requisitos de entrada no que atinxe ás medidas de contención da pandemia, dado que Djokovic rexeitou vacinarse.

Porén, nun primeiro intre Australia concedéralle ao serbio unha exención médica para poder participar no torneo malia non estar vacinado, aínda que finalmente esa exención foi rexeitada polo Executivo australiano.

Mais, ao mesmo tempo, pero máis afastado do foco mediático, está o caso da tenista rusa Natalia Vikhlyantseva, que non puido entrar no país por ter sido inmunizada coa vacina Sputnik V, fabricada polo Goberno de Rusia, debido a que a sanidade australiana non recoñece como válido este fármaco.

Comentarios