Case 50.000 persoas presencian o empate entre Catalunya e Euskal Herria

O novo San Mamés acolleu a igualada entre as dúas seleccións, que celebraban o centenario do seu primeiro partido e volveron reivindicar a súa oficialidade. Galiza sumou outro ano sen xogar.  

photo_camera EH-Catalunya / NAIZ

Con empate a un tanto -o terceiro consecutivo entre ambos combinados- un magnífico aspecto das bancadas do novo San Mamés de Bilbao -con case 50.000 persoas presentes, 5.000 seareir@s do conxunto visitante- e un ambiente festivo e reivindicativo finalizou o partido entre as seleccións nacionais de Euskal Herria e Catalunya, que celebraron así o centenario do seu primeiro enfrontamento. 

O impresionante aspecto do estadio do Athletic -nun choque presidido polo lehendakari Urkullu e o presidente Mas- estivo acompañado polo espectáculo no céspede, onde ambos equipos buscaron a vitoria, que se puxo de cara para os vascos por medio de Aduriz aos poucos minutos do inicio e que atopou resposta en Sergio García moi preto do intermedio, que anotou o 1-1 definitivo. 

Selección Galega

Pola súa parte, este Nadal Galiza sumou o sexto ano consecutivo sen encontro das súas seleccións, debido ao desinterese da Xunta e da Federación Galega de Fútbol por celebralo, circunstancia que non semella vaia cambiar coa chegada á presidencia do ente federativo de Rafael Louzán, líder do PP na provincia de Pontevedra, onde preside a Deputación. 

Comentarios