A carreira contra a historia de Manuel Méndez

'Nós Diario' bota luz sobre unha figura chave do atletismo
Xa moi veterano, no ano 1992 colleu a remuda do facho olímpico antes da disputa dos Xogos de Barcelona na comarca de Terra de Trives. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xa moi veterano, no ano 1992 colleu a remuda do facho olímpico antes da disputa dos Xogos de Barcelona na comarca de Terra de Trives. (Foto: Nós Diario).

O de Manuel Méndez é un deses nomes fundamentais nas etapas seminais do deporte na Galiza que foron invisibilizados, cubertos cun manto de silencio que furtou do coñecemento público figuras tan grandes como a súa, a de Andres Balsa ou a de Irene González a varias xeracións de galegos e galegas.

A súa traxectoria deportiva está intimamente vinculada co atletismo, mais curiosamente comezou no fútbol, dando patadas a un balón naquel Eiriña presidido por Antón Lousada Diéguez que fixo latexar a ritmo de gol o corazón dun Castelao que inmortalizou varios dos seus xogadores co seu carbón na revista Aire.

Esa vinculación co club da intelectualidade galega -Alexandre Bóveda tamén era seareiro do Eiriña- manifestaríase con forza en Manuel Méndez durante o tempo do seu exilio interior no seu Marín natal logo do golpe de Estado, e máis concretamente despois da súa retirada dunhas pistas de atletismo nas que destacou especialmente durante a década dos 40.

Neses anos de constantes tribulacións e padecementos colectivos o deporte baixou moitos enteiros nas prioridades da xente do común, mais algunhas persoas como Manuel Méndez conseguiron manter viva a súa fachareada.

A súa punta de velocidade fixo del un dos mellores do seu tempo nas categorías de 100 e 200 metros lisos, chegando a facerse coa medalla de ouro na primeira das modalidades no Campionato de España disputado sobre as pistas de cinza do Estadio de Montjuïc, en Barcelona, a finais de xullo de 1943. 

Un ano antes, en 1942, non gañaba pero asinaba a súa mellor marca persoal nos 100 metros lisos (11.2 segundos) no Festival da Xuventude Europea, un evento organizado na cidade italiana de Milán en plena Segunda Guerra Mundial coa intención de ocupar o lugar dos cancelados Xogos Olímpicos e no que foron da partida potencias do Eixo e países afíns como o Estado español.

Segundo revela a familia do desaparecido atleta galego, falecido no ano 2007, este sempre falaba "do longa que foi aquela viaxe", de como vestían "uns traxes feitos a partir duns uniformes da Mariña" e do sistema de "dopaxe" que utilizaban naquela época, "un pouco de azucre", algo que dicía que lles daba "enerxía extra".

O galego que dixo "non" a Juan Antonio Samaranch

Cando un deportista se retira adoita dicirse del que "colga as botas", unha expresión que no caso de Manuel Méndez adopta un duplo significado, pois non só fabricaba o seu propio calzado de competición, senón que fixo da zapatería o seu oficio, actividade que alternou cos seus labores na Biblioteca Pública Municipal e como adestrador no Club Noray de Atletismo.

Porén, non estaba satisfeito coa dirección dun conxunto dependente por completo da fascista Fronte de Xuventudes, polo que promoveu, xunto con outros amantes do deporte o Club San Miguel de Atletismo, aproveitando as vantaxes que ofrecía a Lei de Asociacións promulgada en 1964 e que estivo en vigor até o ano 2002.

Desde o seu posto de adestrador de velocidade, saltos e lanzamentos tornou nun impulsor do deporte local, en xeral, e do feminino en particular, preparando mulleres como Flor Guzmán e Maite Villanueva, que brillaron nesa primeira fornada de atletas femininas que xurdiu na década dos 60.

Como adestrador estivo detrás da primeira fornada de atletas femininas

A súa obsesión era que esas rapazas e rapaces puidesen contar con instalacións dignas nun tempo no que a area para os saltos de lonxitude había que traela das praias dos arredores, a mesma que se empregaba ante a carencia absoluta de xergóns para amortecer minimamente as caídas dun salto con pértegas que el mesmo elaboraba artesanalmente con canas de bambú. De aí que rexeitase a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo que lle quixo conceder o que sería presidente do Comité Olímpico Internacional (COI) e que por aquel entón era o máximo responsábel da Delegación Nacional de Deportes -organismo predecesor do actual Consello Superior de Deportes-, Juan Antonio Samaranch, a quen lle deixou moi claro que medallas non quería, senón "instalacións deportivas dignas". Afortunadamente, o seu acto de valor e rebeldía non foi castigado, e co falanxista catalán xa á fronte do COI foi convidado a portar o facho olímpico antes dos Xogos de Barcelona 92, collendo a remuda en Terra de Trives. 

comentarios