Carlota Hernández: "Na vela galega ensínanche a saír simplemente a navegar e tratar de ser as primeiras"

A pesar da súa xuventude, Carlota Hernández (Vigo, 1999) acumula un envexábel palmarés no que destacan os seus numerosos títulos a nivel estatal ou a fazaña de ser a primeira galega -xunto con Ana Carrasco- que se clasificou para un Mundial Xuvenil de 420. Agora, amplía esa longa listaxe de éxitos coa Regata da Muller.
A viguesa vén de gañar a primeira edición da Regata da Muller. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A viguesa vén de gañar a primeira edición da Regata da Muller. (Foto: Nós Diario).

-O barco do Real Club Náutico de Vigo, que vostede patronea, vén de proclamarse campión da primeira fase da Regata da Muller por un só punto de vantaxe fronte Real Club de Mar de Aguete, e non sen dificultades, pois sufriron unha rotura de temón na primeira xornada da proba que provocou que pediran unha reparación que finalmente a xuíza outorgou. En que consiste e cando se solicita ese recurso no mundo da vela?

A reparación de resultados consiste, basicamente, en protestar por algo que non é culpa túa. Neste caso, o que pasou é que o temón da nosa embarcación, que é o que che dá a dirección, xusto na primeira carreira a miña compañeira Alejandra nota que non responde e logo, cando chegamos a terra, vemos que estaba completamente roto, xusto pola metade, e así non se pode navegar.

-Son esas reparacións algo moi habitual no seu deporte?

Son, pero a World Sailing, que vén sendo a Asociación Internacional de Vela, como se teñen dado casos de xente que gañou campionatos así, non adoita conceder a media dos puntos nas reparacións. Entón, como se daba o caso de que se nos permitían esa media dos puntos xa gañaríamos, puxéronnos un seis, pero como cada catro mangas podes descartar unha, é dicir, non che suman os puntos, descartamos esa.

-Entón, a pesar da reparación, seguían tendo un importante hándicap con ese 'seis'...

Si. De todos os modos, aínda que non nos concedesen a reparación e en lugar dun seis tivésemos un sete, gañariamos igual, porque tiñamos máis número de primeiros, que é a medida que se emprega para estabelecer o desempate. Logo, se aí tamén estás igualada, a última que fixera un primeiro é a que gaña. 

-Influíu ese contratempo na primeira xornada no seu modo de afrontar as outras dúas que conformaron a Regata da Muller?

Como fomos adestradas por xente como Bruno Gago [actual director técnico da Federación Galega de Vela], que nos ensinou que en cada regata hai que saír simplemente a navegar, pois diría que non, pero si que é verdade que no último día teriamos que ter sido máis conservadoras, calcular os puntos... mais eu entendo que navegamos mellor saíndo só a facer boas regatas, tratando de ser sempre primeiras.

-Logo, non se emprega moito a estratexia e a especulación no mundo da vela?

Ui, si (ri). Normalmente, nas regatas máis importantes, como os campionatos de España, as adestradoras levan unha libreta na que van anotando todos os puntos para ir facendo as súas contas, pois con todos os descartes que entran cambia todo un montón dunha manga a outra.

-Nesta proba empregaron un tipo de embarcación pouco habitual, o Elliot 6M co que Tamara Echegoyen e Sofía Toro gañaron un ouro olímpico nos Xogos de Londres 2012. Por que non se emprega máis?

Eu, persoalmente, nunca antes o usara para competir, só para saír navegar algunha vez con nenas pequenas para ensinarlles, porque é moi doado aprender con el, pois ten un montón de velas. Para iso os teñen no Centro Galego de Vela. En competición non se usa moito, son moito máis habituais outros como o láser ou o 49er, pero agardo que se empregue máis porque é moi divertido. 

-Superada a fase galega da Regata da Muller, o seguinte paso será representar Galiza na fase estatal, prevista para os días 4 e 6 de xuño. Cales serán as súas principais rivais?

Aquí navegamos moi ben (ri), sobre todo a nivel olímpico, pero  tampouco diría que somos favoritas, porque as rapazas canarias tamén son moi boas. De feito, elas van á escola de vela case todos os días da semana, e aquí só durante as fins de semana. Unha delas, Martina Reina, é a irmá dunha boa amiga miña e podo dar fe de que é moi, moi boa. Logo, tamén quero destacar as representantes de Baleares, que teñen un gran nivel, así que o que toca é saír a navegar, pasalo ben e ver que pasa día a día.

-Como de severas son as normas Covid-19 nun deporte como o seu, no que o vento forma parte intrínseca e a ventilación dáse por suposta?

Todas estamos moi concienciadas para respectar as normas. De feito, as rapazas máis novas, que son as que máis compiten, xa están até acostumadas a usar máscara na auga. Pode haber momentos nos que leves a máscara empapada e a baixes nalgún instante e veña alguén a dicirche "pon a máscara!" (ri), pero en xeral tanto na terra como na auga, todo súper ben. Quizais os únicos problemas foron na última xornada, pois ía moito calor e por momentos abafabamos.

Comentarios