Directivo do Viaxes Amarelle FSF

Carlos Rodríguez: "Non competiremos en igualdade de condicións co resto dos equipos"

O fútbol sala fala en galego. A vindeira tempada serán cinco os equipos do país que competirán na Primeira División, logo do ascenso do Viaxes Amarelle. Carlos Rodríguez, directivo do clube coruñés, conversa con Nós Diario sobre os obxectivos na nova categoría, os quebrantos causados pola Covid-19 e moito máis.
Rodríguez di que a viaxe do Amarelle debe conducir á permanencia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rodríguez di que a viaxe do Amarelle debe conducir á permanencia. (Foto: Nós Diario).

—O Viaxes Amarelle de Fútbol Sala Feminino sobe de categoría nun momento moi convulso a nivel global. Como está formulando a directiva do clube esta tempada, e que agarda da mesma?

Como ben sinalas, existe unha grande incerteza con respecto a todo. Por exemplo, na teoría íamos comezar antes a traballar, pero debido a que non se daba arrancado co tema do inicio da competición, fomos retrasando ese comezo. Aínda bo é que desde hai unha semana xa comezamos a adestrar. Pero, ollo, facémolo cuns adestramentos totalmente atípicos, porque pola situación que existe na Coruña en concreto, non nos permiten traballar con máis de dez persoas, que inclúen o técnico, co que temos que dividir a pista en dúas metades e, aínda por enriba, sen contacto físico. Sirva isto como exemplo do atípico que resulta todo. E logo, en canto á competición, afrontámola con moita ilusión, pero loxicamente tamén con incertezas, pois non sabemos se nalgún momento, debido á pandemia, se por desgraza volve haber un gromo importante a nivel estatal, a competición, que é bastante longa, podería chegar a suspenderse. 

—Quedan xa poucos equipos coruñeses na elite dos seus deportes. Vostedes estarán nese lugar de honra, pero houbo un tempo de incertezas no que existiu a dúbida de se serían quen de competir na Primeira División. Como foi ese período?

Efectivamente, estivemos cinco meses, desde o parón no mes de marzo até que finalmente xogamos o play-off express contra o Valdetires Ferrol, vivindo nesa incerteza total. Deixamos de adestrar porque xa non se podía, e non sabíamos se se ía poder xogar de novo, se non... todo era un mar de dúbidas. E despois de cinco meses, coas xogadoras sen competir nin un só partido, dinnos que temos que decidir unha competición na que íamos xenial, con seis puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, estando invictos... nun play-off express. Este parón realmente prexudicounos moito, moitísimo. Mesmo algunhas xogadoras que non eran de aquí volveron ás súas cidades e non puidemos contar con elas. Mais por sorte todo saíu ben, logramos gañar e, si, foi un ascenso atípico, pelexado, loitado e con moita suor, pero un ascenso, que é o que importa. 

—Na Primeira División haberá moitos equipos galegos. Ademais do Viaxes Amarelle, estarán  Burela Pescados Rubén, Poio Pescamar, Ourense Envialia e Cidade de As Burgas. Hai algunha circunstancia particular polo que o fútbol sala feminino galego teña tanto nivel?

De sempre, historicamente, o fútbol sala feminino galego sempre callou moitísimo entre as rapazas. Non sabería dicir o motivo, pero aí está o importante número de licenzas, a pesar de que competimos co fútbol, e máis agora aquí na Coruña, coa presenza do Deportivo, porque o habitual é que as máis novas queiran xogar ao fútbol porque é o que ven na televisión, moito máis que o fútbol sala. Da Galiza saen moitas xogadoras, tamén da nosa base, por suposto. E iso que hai clubes, como o Burela, que apostan moi forte polo deporte profesionalizado, o que evidentemente é unha envexa para nós, porque para iso se require un gran patrocinador, do que nós non dispoñemos. Pero, si, somos cinco equipos galegos na elite, e iso avala o forte que está o fútbol sala feminino galego. Nós agardamos manter a categoría, que é o noso obxectivo final, e tamén que o fagan o resto dos galegos. É, por que non, que suban máis equipos, pois no noso grupo da Segunda División o ano pasado, os tres primeiros clasificados fomos tres conxuntos da Galiza.

—Único obxectivo, entón, a permanencia na Primeira, non?

Si. Temos que ser cautos. Sendo realistas, o obxectivo é a permanencia, porque nós tivemos un hándicap moi importante que é que mentres que a Primeira División feminina rematou o 7 de marzo, todos os clubes alí presentes foron fechando o seu cadro de xogadoras con tempo e sen problema ningún. Nós non competiremos en igualdade de condicións porque rematamos a tempada o 25 de xullo, e polo tanto non tivemos tempo de planificar as fichaxes como os demais por non saber se estaríamos na Primeira ou na Segunda. En agosto o mercado é complicado, porque todos os clubes están fechados, e aínda grazas que tiñamos apalabradas unha serie de xogadoras que hai que recoñecerlles o mérito de aguantar a súa decisión de apostar en nós. Temos un cadro de rapazas moi novo, a maior ten 27 anos, e o que imos intentar é manter a categoría porque, ademais, os equipos que ascenderon canda nós son máis fortes economicamente, e iso permitiulles acudir ao mercado estranxeiro, cousa que nós non puidemos facer.

O Viaxes Amarelle busca patrocinador

—Para volver arrancar o Viaxes Amarelle iniciou unha campaña nas redes sociais para atopar un patrocinador principal, como vai esa procura?

Solicitamos apoio por parte do tecido empresarial coruñés, que é onde nos atopamos nós, pero tamén da Galiza enteira, xa que participaremos nunha competición a nivel estatal onde se pode visualizar calquera marca. Aínda que houbo interese, o certo é que a día de hoxe seguimos sen un patrocinador principal, cando é máis importante que nunca. Temos un oco no medio da camiseta agardando a ser ocupado por unha empresa que queira botarnos unha man nesta tempada na que teremos que viaxar moito máis que na anterior, e a lugares tan afastados como Zaragoza, Melilla, Alacante ou Gran Canaria, o que se pode traducir en que será moito máis cara economicamente para nós. 

Comentarios