Carla Fernández e Iván Feijoo emerxen contra os elementos

O mal tempo condiciona o Ciclocrós de Boiro
A Copa Galiza disputará a súa penúltima etapa o vindeiro domingo. (Foto: FGC).
photo_camera A Copa Galiza disputará a súa penúltima etapa o vindeiro domingo. (Foto: FGC).

O XXXIV Ciclocross Concello de Boiro será lembrado como unha das edicións máis épicas da proba decana do calendario galego, pois esta duodécima e antepenúltima xornada da Copa Galiza contou cunha combinación de chuvia, lama e o tradicional treito de area por Praia Xardín que derivou nun espectáculo que gozaron até as maís puristas desta especialidade.

Nese contexto, quen conseguiron emerxer do mellor modo posíbel foron a Sub-23 Carla Fernández (Team Farto-BTC) e o Elite Iván Feijoo (Academia Postal-Abanca), facéndose cos triunfos nas categorías de máis prestixio.

Durante case unha hora, 59 minutos e 29 segundos estivo loitando contra os elementos a gañadora da carreira Elite/Sub-23 e Júnior do evento organizado polo Club Ciclista Barbanza, a viguesa Carla Fernández, que reafirma así o seu liderado logo de vencer cunha ampla marxe de 2.12 á segunda clasificada -e líder Júnior-, Laura Mira (Supermercados Froiz), quen protagonizou un intenso duelo até os metros finais coa súa compañeira de equipo Uxía Soto.

María Jesús Barros, pola súa banda, foi novena no trazado de Praia Xardín e deixou vista para sentenza a clasificación xeral feminina do certame galego na modalidade Elite.

Homenaxe con triunfo para Iván Feijoo

Na liña de saída da proba Elite/Sub-23 masculina as olladas centráronse en Iván Feijoo por dous motivos. Primeiro, porque o alaricano participaba por segunda vez esta campaña nunha cita da Copa Galiza, e tamén porque nesta ocasión facíao coas cores do Club Ciclista Maceda.

Deste modo quixo homenaxear o conxunto no que se formou antes de cambiar de estrutura o vindeiro 1 de xaneiro, pois deixará o BH Templos Café -o seu actual equipo- e incorporarase ao MMR. 

O vixente campión de España Sub-23, que esta tempada se estrea como Elite, regresou ao pasado de xeito triunfal, pois logrou imporse cun rexistro de 1.08.43 e sumou a segunda vitoria do ano no calendario galego.

En segunda posición cruzou a liña de meta o tamén Elite Samuel González (Máis Que Bicis), a 52 segundos do gañador, e terceiro concluíu o líder das categorías Sub-23 e Absoluta, Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz). 

Comentarios