Carballo tornarase en capital da apnea

Unha das especialidades menos coñecidas  e de máis risco dos deportes subacuáticos é a apnea. Na Galiza, anualmente, reúnense as súas principais figuras nos campionatos galegos. Este ano o municipio bergantiñán de Carballo será o escenario escollido para tentar bater as mellores marcas.
Miguel Portela Parada, pontevedrés do Club Sotavento, na edición de 2022 (Foto: Fegas).
photo_camera Miguel Portela Parada, pontevedrés do Club Sotavento, na edición de 2022 (Foto: Fegas).

A apnea é unha das especialidades menos coñecidas dos deportes subacuáticos e está considerada como unha actividade deportiva extrema. Consiste en mergullarse na auga e conter a respiración. Partindo deste concepto existen varias modalidades segundo sexa estática (sen desprazarse) ou dinámica (realizando desprazamentos).

Neste segundo caso varía tamén segundo se empregue ou non aletas e como sexan estas. 

Na Galiza, a súa práctica está ligada á pesca submarina e leva realizándose máis de vinte anos. O delegado da especialidade de apnea da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, o pontevedrés Héctor Costa, explica a Nós Diario que “é habitual comezar coa pesca deportiva e animarse coa idea de mellorar a través dos adestramentos propios da apnea”. O factor xeográfico axuda, neste sentido, a comezar no mar para desprazarse despois cara á piscina.

Costa recoñece que é un deporte "algo individualista" no que saen "un ou dous competidores nun club e outros tantos noutro, mais non conseguimos facer unha gran difusión".

Esta disciplina, para o responsábel federativo, “ten moito de mental, de conseguir relaxarse nunha situación de estrés como é non respirar”. Implica, a maior parte das veces, “moitas horas de piscina, sempre en compañía, para acostumar o corpo a altos niveis de CO₂ ou baixos de oxíxeno”.

Campionato en Carballo

Para os días 1 e 2 de abril está previsto o Campionato Galego de Apnea indoor 2023 en modalidade OPEN que este ano decorrerá no Complexo Municipal Carvalho Calero, en Carballo, comarca de Bergantiños, o concello de Xan Lamas, bronce estatal nesta modalidade.

Na cita non faltarán as principais figuras deste deporte no país

Na cita non faltarán as principais figuras deste deporte no país  que tentarán de mellorar as marcas conseguidas en 2022. 

A edición anterior batéronse varios récords galegos nos que foron protagonistas a deportista de Sanxenxo, Lorena Prieto Cacabelos (Club Sotavento), e o vigués José Jonathan Costas Comesaña (Club Neptuno do Salnés).

A primeira conseguiu realizar en estática unha marca de 4'37'', en  dinámica sen aletas percorreu 78 metros, en dinámica con bialetas chegou até os 125,5 metros e con monoaleta aos 107,2 metros. O segundo logrou un tempo en estática masculina de 6’22’’.

Comentarios