Cara e cruz para os equipos galegos na elite do básquet

Ensino e Baxi gañan, pero Breogán e Obradoiro perden
Os lucentes estiveron a piques de superar o poderoso Barça. (Foto: FC Barcelona).
photo_camera Os lucentes estiveron a piques de superar o poderoso Barça. (Foto: FC Barcelona).

Vitorias para as mulleres, derrotas para os homes. Ese é o balance da xornada para os equipos galegos na elite do baloncesto Estatal, o que non resta un ápice de mérito ao espectacular rendemento ofrecido por Breogán e Obradoiro, que xogaron de ti a ti contra os dous grandes xigantes da categoría, Barcelona e Real Madrid.

O conxunto lucense defendía o liderado na casa dos vixentes campións, e até os intres finais do encontro transmitiron a impresión de ser quen de derrotar á poderosa escuadra catalá. Tanto é así que a falta de tan só tres minutos para que soase a bucina anunciando o límite de tempo os celestes estaban tan só catro puntos abaixo (67-63), mais os de Jasikevicius fixeron valer a súa teórica superioridade e finalizaron con nove de vantaxe, 78-69.

O Monbus Obradoiro afrontaba, no seu caso no WiZink Center, un compromiso non menor ante o Real Madrid de Pablo Laso, e do mesmo modo que o Breo ante o Barça, tivo opcións de dar a sorpresa até o último momento. Tan só unha defensa sobresaínte e un estratosférico Sergio Llull marcaron as diferenzas, estabelecendo o definitivo 78-68 que, dentro da derrota, deixa boas sensacións de cara ao choque do sábado ante o Fuenlabrada.

Inmellorábel comezo para as escuadras femininas

Dous de dous. A estrea de Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino, representantes da Galiza na Liga Feminina Endesa, non puido ser mellor

As xogadoras departamentais confirmaron as boas sensacións da pretempada cun triunfo no seu regreso á elite ante Campus Promete de Logroño (74-69). Foi un choque competido e dificil no que, a pesar da súa mínima vantaxe ao longo de practicamente todo o partido, tivo un final moi quente que arrefriaron Ivanovic e Camen Grande materializando unha serie de tiros libres no último momento. 

Pola súa banda, Durán Maquinaria Ensino logrou unha contundente vitoria no Bembibre Arena por 50-67. As galegas foron superiores en todo momento, e un parcial de 23-36 antes do descanso sentenciou un encontro sen moita historia.

O COB cambia de nome

O conxunto ourensán fixo pública a súa nova denominación oficial para esta tempada: Hereda Club Ourense Baloncesto.

Comentarios