Caos cos calendarios da Primeira RFEF

A Federación adía 24 horas o choque entre Deportivo e Real Unión de Irún
O dianteiro Álvaro Rey fichaxe no mercado invernal, volveu onte aos adestramentos logo de superar unha lesión no cuádriceps.(Foto: RC Deportivo).
photo_camera O dianteiro Álvaro Rey fichaxe no mercado invernal, volveu onte aos adestramentos logo de superar unha lesión no cuádriceps.(Foto: RC Deportivo).

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) abriu unha espita moi perigosa coa suspensión do partido da semana pasada entre Deportivo da Coruña e Rácing de Santander a causa de unicamente dous positivos no conxunto cántabro. Iso levou a que, con toda lóxica, se cuestione a súa decisión de non cancelar o encontro desta fin de semana entre precisamente o Dépor e un Real Unión de Irún que chegou a contar con 13 casos activos nas súas filas.

Como adoita acontecer con todas as decisións salomónicas, estas non deixan satisfeitas a ninguén. Así, en vez de -aplicando a mesma lóxica que co conxunto santanderino- cancelar sen data o Deportivo-Irún previsto para mañá ás 19 horas, a RFEF determinou o seu adiamento por unicamente 22 horas, concretamente até as 17 do domingo.

Tal e como informaba a escuadra herculina, "recibida a petición, por motivos sanitarios, de cambio horario do partido correspondente á xornada 22 de Primeira RFEF, que enfronta ao RC Deportivo e á Real Unión Club previsto para o sábado 5 de febreiro do 2022 ás 19 horas, accédese á mesma, quedando o partido fixado o domingo 6 de febreiro ás 17 horas". Ademais, sinalou que, a falta de concretar a hora, o partido contra o Rácing desenvolverase o vindeiro día 16 de febreiro.

Álvaro Rey reincorpórase aos adestramentos

O dianteiro andaluz Álvaro Rey, única fichaxe branquiazul no mercado invernal, reincorporouse no día de onte á dinámica dos adestramentos. Atrás quedan as molestias musculares no cuádriceps que lle impediron participar no choque ante o Zamora, aínda que con case total probabilidade non chegará a tempo de coller o nivel de forma demandado polo seu técnico, Borja Jiménez, para formar parte da convocatoria para o partido contra o Irún.

Pablo Trigueros, Víctor García, Diego Aguirre, Alberto Quiles e Diego Villares estiveron tamén con adestramento personalizado, mentres que Noel, Trilli, Yeremay e Alberto foron a representación dos canteiráns no adestramento do primeiro equipo. A maiores, Dani Barcia, Juan Rodríguez e Iván Guerrero participaron nunha parte co primeiro equipo e o resto fixérono co Fabril. 

O Rácing presenta David del Pozo

Non todo son malas novas na terceira categoría do fútbol estatal. O Rácing de Ferrol presentou oficialmente na xornada de onte a súa última incorporación, o madrileño David del Pozo.

Este centrocampista de 24 anos, que acumula unha ampla experiencia na categoría a pesar da súa xuventude -en clubs como o filial do Xetafe, Navalcarnero, Dux Internacional, As Rozas ou Albacete, club do que procede e co que chegou a debutar en Segunda División-, chega para cubrir a baixa do mancado Pep Caballé, que sufriu unha grave lesión no ligamento cruzado anterior da perna esquerda.

Contratado polo que resta de campaña e unha máis, no acto de presentación mostrou a súa "felicidade" por chegar a un "gran club" cun "proxecto ambicioso". Ademais, o ex do Albacete mostrou a súa gratitude polo recibimento por parte dos seus compañeiros e do corpo técnico, e destacou as súas impresións desde fóra dos Diaños Verdes, escuadra á que definiu como un equipo "moi forte e cun grupo que permitirá facer ben as cousas". 

Comentarios