O sorteo copeiro deixa o premio 'Gordo' no Carballiño: recibirán o Atlético de Madrid

Gernika-Celta e Pontevedra-Tenerife completan a representación galega na segunda fase
O futbolista do Arenteiro, José Carlos 'Joseca', posando co título de Copa. Alerta de 'spoiler'? (Foto: RFEF).
photo_camera O futbolista do Arenteiro, José Carlos 'Joseca', posando co título de Copa. Alerta de 'spoiler'? (Foto: RFEF).

As 17 horas da tarde foi a escollida pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para levar a cabo un sorteo da segunda rolda copeira no que só había tres equipos da Galiza entre os 56 que entraron no bombo: Real Club Celta de Vigo, Pontevedra Club de Fútbol e a sensación da competición, o Club Deportivo Arenteiro.

E foi precisamente no Carballiño onte caeu o Gordo do sorteo, pois en ausencia de Real Madrid, Fútbol Club Barcelona, Betis e Valencia -exentos de xogar até os dezaseisavos como recompensa por lograr clasificarse para a Supercopa- o conxunto máis temíbel, a pesar de estar en horas baixas, era un Atlético de Madrid que será o rival do Arenteiro.

A pesar de que un dos seus xogadores, José Carlos 'Joseca', expresou durante o sorteo -do que formou parte como convidado- a súa preferencia polo Sevilla, en canto coñeceu que serían os colchoneiros con  quen se enfrontarían manifestou o seu convencemento en que estarán na seguinte rolda: "Estamos moi contentos de recibir o Atlético, benvido sexa".

A escuadra dirixida por Diego Pablo Simeone desde 2012 visitará Espiñedo o 21 ou o 22 de decembro coa intención de non agravar en territorio galego unha crise de xogo e resultados que xa a deixou fóra da Champions League e que ten o equipo quinto en Liga a pesar de contar con xogadores do nivel de Antoine Griezmann ou João Félix.

Duelo desigual entre Celta de Vigo e Gernika

O obxectivo do Arenteiro é dar unha sorpresa aínda maior que a que protagonizou cando eliminou o Almería, meta que comparte co rival do Celta, o Gernika. Os vascos, penúltimos no Grupo 2 de Segunda RFEF, saben que os celestes son claros favoritos para avanzar na competición copeira, pero tamén son conscientes de que este será o primeiro partido do Celta en mes e medio a causa da parada obrigada polo Mundial na Primeira División, o que abre unha fiestra á sorpresa.

Máis igualado, aínda que con lóxico favoritismo canario, está o Pontevedra-Tenerife. A escuadra dirixida polo ex deportivista Luís Miguel Ramis marcha décimo quinta na Segunda División, mentres que os do Lérez son antepenúltimos na Primeira RFEF.

Comentarios