O Cangas quere dar o primeiro paso para a permanencia na Asobal en casa do Málaga

A escuadra do Morrazo busca non deixar á Galiza orfa de equipos na elite do balonmán
O encontro rematou cun resultado de empate a 23 tantos. (Foto: Balonmán Cangas).
photo_camera No seu último precedente, un choque na Copa, Cangas impúxose na prórroga após empatar a 31. (Foto: Balonmán Cangas).

O Cangas Frigoríficos do Morrazo encara hoxe (20 horas, canal de Youtube Moraga Stream) o primeiro encontro do play-off de permanencia na Liga Asobal, a máxima categoría do balonmán masculino estatal.

Logo do descenso matemático do Cisne, no derradeiro choque da fase regular o outro representante galego na competición asinou un empate a 28 goles ante Bada Huesca, sumando á súa conta particular un punto que lle serviu para eludir o descenso directo e deixar así, polo menos durante unha semana máis, á Galiza sen participantes na vindeira tempada. Polo tanto, a eliminatoria a dobre partido que arrancará hoxe ante Trops Málaga será a vida ou morte.

O equipo andaluz  buscará o seu primeiro ascenso á elite logo de transcorrer apenas seis anos desde a súa fundación, acreditando cos seus bos resultados nas últimas xornadas que é un dos conxuntos máis en forma do Grupo '2' da División de Honra Prata, onde concluíu en terceira posición logo de sumar tres triunfos consecutivos e dar o sorpasso no último momento a Cidade Real e Ibiza.

Adestrado por Quino Soler, o Málaga tratará de obter a maior vantaxe posíbel neste primeiro partido, no que contará co apoio da súa afección no pavillón Fray Francisco Baños do colexio Os Olivos. 

Co obxectivo de converter un recinto de tan pío nome nun inferno, a escuadra presidida por Alberto Camas anunciou que haberá acceso gratuíto até completar a capacidade do mesmo, que ampliou a través dunhas reformas temporais para estendela até as 900 persoas.

Non obstante, en Cangas confían en repetir o conto da pasada edición da Copa do Rei, onde, non sen sufrimento, os do sur da Galiza lograron imporse. Naquel xogo, levado a cabo o pasado 15 de marzo, logo dos 60 minutos regulamentarios Trops e Frigoríficos empataron a 31 tantos, pero un gol de Del Arco sobre a bucina da prórroga decantou a balanza do lado galego.   

Unha longa historia nas promocións

O Cangas Frigoríficos, que acumula 15 anos de historia na máxima categoría, ten unha ampla experiencia no eido das promocións.

Non por nada esta será a sétima ocasión na que os do Morrazo xoguen a vida neste formato de competición que, na meirande parte das ocasións, foi propicio para os seus intereses, xa que sumaron tres ascensos (1995, 2009, 2012) e dúas permanencias (1996, 98), fracasando unicamente na tempada 2010-11. Esa campaña optaba a volver á Liga Asobal tras baixar o ano anterior, pero un Huesca que xogaba como local foi superior ao bloque que dirixía Víctor García, 'Pillo'.

Comentarios