Cangas elimina León e xogará as súas primeiras semifinais copeiras

Histórico triunfo dos do Morrazo no torneo do KO.

O equipo galego venceu 33-32. (Foto: RFEB).
photo_camera O equipo galego venceu 33-32 (Foto: RFEB).

Épico, fantástico, histórico, soberbio, inenarrábel... non hai cualificativos abondo para definir o triunfo do Cangas Frigoríficos do Morrazo (33-32) sobre Ademar de León nos cuartos de final da Copa do Rei de Balonmán.

O guión do partido parecía de película de Hollywood, pero desas que rebentaban os índices de recadación nos anos 80 e 90 pola súa tensión, emoción e intriga. Comezaba o cadro leonés moi activo, sempre por diante no marcador da man dun excelente Leandro Semedo e do debutante Aidenas Malasinkas, chegando ao intermedio cunha renta favorábel de dous goles (15-17).

Despois da reanudación, Martín Gayo botou o equipo ás súas costas, o que combinado coas paradas de Javi Díaz e o gol nos últimos segundos de Monteiro meteron o Cangas nas semifinais por primeira vez na súa historia. 

Oportunidade de ouro para Guardés e O Porriño

Cambiando a Copa do Rei masculina pola Liga Guerreiras feminina, Atlético Guardés e Balonmán O Porriño teñen nos seus compromisos deste sábado unha oportunidade de ouro para sumar senllas vitorias ante rivais da zona baixa da táboa.

As primeiras en entrar en acción serán as xogadoras do conxunto porriñés, pois ás 19 horas da Galiza saltará á pista do Pavillón Municipal do Barrio da Saúde, en Tenerife. Alí agarda obter o seu segundo triunfo consecutivo a costa do antepenúltimo clasificado na táboa. O seu técnico, Ismael Martínez, recoñeceu que os seus principais inimigos serán "o cansazo" e "o traballo defensivo" do Tenerife.

Pouco despois, ás 19.30, será a quenda do Atlético Guardés, que pretende mellorar as súas prestacións a domicilio a costa do Morvedre balonmán de Sagunto. Como no caso do Porriño, o esforzo de percorrer 1.000 quilómetros ameaza o rendemento das galegas. 

Comentarios