O Campionato da Galiza consagra Reparaz e Gallego

A velocista gaña o título con só 14 anos e o veterano lanzador conquista o seu vixésimo ouro
O discóbolo suma este triunfo ao conseguido en pista cuberta. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O discóbolo suma este triunfo ao conseguido en pista cuberta. (Foto: Nós Diario).

Onte estivo de aniversario a flamante campioa da Galiza absoluta dos 100 metros lisos. En principio nada noticiábel, até que un se decata de que sobre a tarta de Ainhoa Reparaz só había 15 candeas. 

Dous días antes, aínda con 14 anos, este prodixio do atletismo voaba sobre o tartán das instalacións deportivas de Elviña para imporse a rivais moito máis experimentadas, caso de Cristina Garrido, Andrea Pais ou Lucía Ferrer, para lograr unha merecidísima medalla de ouro.

O resultado desta competición non fai senón confirmar as boas sensacións que hai meses vén transmitindo esta novísima atleta da Sociedade Atlética Val Miñor, que xa a finais de 2019, concretamente no mes de decembro, quedou a tan só unha décima de pulverizar o récord da Galiza dos 60 metros lisos en pista cuberta.

A dimensión da xesta da pormetedora Andrea Reparaz contrasta magnificamente coa do veterano lanzador de disco e de peso Víctor Gallego, quen mes e medio antes de vir Andrea a este mundo proclamábase subcampión galego de disco e esta fin de semana asinaba o seu (fóra sombreiros) vixésimo título logo de imporse no peso por máis dun metro de distancia co segundo clasificado, o tamén moi experimentado Francisco Guzmán.

Triana, Okutu e Viteri, os nomes propios

A intensa fin de semana na que se desenvolveron estes Campionatos da Galiza Absolutos, Sub-23, Sub-20, Sub-18 e de Combinadas estivo -como calquera outra actividade humana- condicionada polo estrito protocolo de prevención da Covid-19, o que non foi impedimento para que os e as atletas de todas as categorías brillasen nas pistas de Elviña.

Un dos que máis destacou foi Mauro Triana, que se impuxo nos 200 e nos 100 metros masculinos, chegando nesta última proba, condicionada polo vento (+3,0), a baixar da barreira dos 11 segundos (10,58).

Tamén atraeu todas as miradas a actuación do atleta olímpico e plusmarquista galego Jean Marie Okutu, quen non defraudaría no salto de lonxitude, alcanzando uns respectábeis 7,78 metros.

En contraposición, a derrota de Bea Viteri na proba de pértega, quen viña de gañar as sete últimas edicións de modo consecutivo, foi unha das grandes sorpresas deste Campionato da Galiza 2020, caendo ante Lola Bouza, do Adas Proinor, que acadou  unha altura de 3,46 metros.

Comentarios