Cae o Celta en Sevilla e despídese virtualmente da Primeira División

The End. 1-0 en Sevilla, gol do infaltábel Rubén Castro. 1-0 en Sevilla e gol legal tamén anulado ao Celta. A derrota deixa virtualmente a equipa viguesa fóra da Primeira División.

Celta Betis
photo_camera Celta Betis

Indignación nas redes sociais ao termo do encontro. Certo é que o Celta marcou un gol legal -como onte o Deportivo- e que o árbitro lle negou o empate, mas a equipa de Resino tampouco tivo suficientes argumentos futbolísticos para desequilibrar o xogo perante un Betis que tamén se xogaba muito, non a permanencia, senón o acceso a Europa.

O Celta estivo no xogo, mas careceu de perigo en ataque. A constante da temporada. Sen gol non podes sobreviver na élite. Non chega co voluntarismo. Hai que marcar a diferenza. E o Celta hoxe non é quen de xerar suficiente caudal de fútebol ofensivo, nen de o rendibilizar, como para se manter entre os grandes.

En realidade, o Celta caiu cando mellor estaba a xogar. E caiu cun gol dun realizador en estado de graza esta temporada, Rubén Castro, o punta que no seu momento Lotina considerou non apto para o Deportivo. Rubén Castro abeirou o segundo tanto nunha bola que bateu contra o pau. O Celta non deu procesado animicamente o gol bético e o o seu xogo se veu abaixo. Non tan abaixo, iso si, como para non xerar non unha ocasión de gol, senón mesmamente un gol. Un gol de Túñez que selaba o 1-1 no taboleiro de marcas. Legal, perfeitamente legal. Mas o árbitro non estaba polo labor. E anulouno, asinando a sentenza definitiva para os celestes.

O Celta conclúe a xornada 36 con só 31 pontos. No mellor dos casos, podería completar a temporada con 37 puntos. Nunca ninguén se mantivo en Primeira División cuns díxitos tan baixos.

Betis: Adrián, Chica, Nacho, Mario (Paulao, min.69), Amaya, Rubén Pérez, Beñat, Juan Carlos (Vadillo, min.58), Nosa (Salva Sevilla, min.53), Rubén Castro e Pabón

Celta: Varas, Jonny (Pranjic, min.81), Vila, Túñez, Roberto Lago (Toni, min.74), Oubiña, Natxo Insa, Augusto, Orellana (De Lucas, min.53), Krohn-Dehli eAspas

Goles: 1-0, m. 66: Rubén Castro.

Árbitro: Teixeira Vitienes, do comité cántabro. Cartóns para Natxo Insa, Jonny, Vila (cumprirá ciclo de cartóns), Amaya, Rubén Castro, Vadillo e Rubén Pérez.

Comentarios