Galiza nos Xogos Olímpicos do 36 e o alzheimer nos futbolistas de elite, protagonistas do caderno 'Xogar'

Sabías que un futbolista profesional ten até cinco veces máis posibilidades de padecer alzheimer que un cidadán calquera? E que Galiza foi nación olímpica? Todo isto e moito máis no suplemento deportivo de Nós Diario, que atoparás só nas páxinas centrais do teu xornal de hoxe.

capa xogar
photo_camera Capa do Caderno 'Xogar' que se publica mañá (Foto: Nós Diario)

Cal é o triste nexo en común entre xogadores tan distintos como o elegante Ladislao Kubala, o agreste central do Real Madrid Goyo Benito -xefe da defensa branca durante toda a década dos 70-, 'Cañoncito Pum' Ferenc Puskás ou a lenda da selección alemá e o Bayern de Múnich Gerd 'Torpedo' Müller? Que todos padeceron o mal de Alzheimer.

Os profesionais do fútbol, segundo un estudo da Universidade Raíña Isabel de Glasgow realizado a case 8.000 xogadores xa retirados, teñen até 3,5 veces máis posibilidades de desenvolver unha doenza neurodexenerativa que o resto da poboación, que no caso concreto do Alzheimer multiplícase por cinco.

Para o persoal responsábel da investigación a causa indubidábel son os testarazos a miles que levaron a cabo desde que deron os seus primeiros pasos, sendo uns cativos, no mundo do fútbol. Ante esta evidencia científica, a Federación Inglesa de Fútbol (FA), así como as súas homólogas escocesa e norirlandesa, tomaron a decisión de prohibir aos menores de 18 anos golpear o balón coa cabeza durante os adestramentos.

Esta medida vese reforzada por declaracións como as do lendario dianteiro británico Alan Shearer -máximo goleador da Premier League en tres ocasións e Bota de Ouro en 1996-, coñecido por ser un consumado especialista na arte do testarazo, quen recentemente protagonizaba o documental O fútbol, a demencia e mais eu, no que afirmaba ter "grandes problemas de memoria" e confesaba que "por cada gol de cabeza" en competición oficial marcara antes "1.000 nos adestramentos". 

(Podes ler o artigo íntegro de 'O mal que ameaza o fútbol' no suplemento Xogar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as quintas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Gómez Longo escribe sobre a historia de Galiza nos Xogos Olímpicos de 1936'; Raúl Vázquez (presidente do Unión Campestre) e Óscar Losada (director de 'O Dez') deixan as súas pegadas nas seccións  'Meta voante' e 'Pé a terra', e a nova estrela galega do Real Madrid, Teresa Abelleira, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Comentarios