Cabo imponse entre unha trintena de traiñeiras na XIV contrarreloxo crucense

Os barbanzáns conquistan os dous primeiros postos, por diante de Pobra (terceiros) e Samertolameu de Meira (cuartos).

cabo traiñeiras remo deporte Foto Liga galega traiñeiras
photo_camera Foto: LGT

Seguen as traiñeiras galegas a quentar motores de cara ao 'chupinazo' que, aló polo verán, dea inicio ás temporadas oficiais, tanto da Liga Galega como a Liga San Miguel ou ACT. Esta fin de semana volveu a haber competición de remos, dando continuidade ás regatas desputadas en decembro (memorial Lagar) e xaneiro (memorial Pepe 'O Ruso'), con vitorias para Mecos e Tirán, respectivamente. Mais esta fin de semana a quenda caeu na Ría de Arousa e nun clásico: a contrarreloxo de Cabo de Cruz, que xa vai para as 15 edicións. Unha trintena de traiñeiras competiron na XIV edición, que decorreu este domingo, e na que os anfitrións volveron amosar sobre as ondas por que son o club galego máis potente.

As tripulacións seguen a prepararse para unha temporada na que na Liga Galega competirán 20 traiñeiras. Na ACT haberá 2 representantes galegas.

Cabo de Cruz foi a traiñeira que máis rápido vogou os 5.556 metros regulamentarios (dous longos e unha ciaboga), facendo un tempo de 21 minutos e 7 segundos e conquistando a vitoria. E a tripulación B de Cabo de Cruz conquistou a segunda praza, cun tempo de 21 minutos e 14 segundos. A veciña A Pobra logrou facer o terceiro mellor tempo (21' 32'') e Meira finalizou cuarta. A segunda bancada dos cruceneses (esa B que acabou segunda nesta regata) vai debutar esta temporada na Liga Galega de Traiñeiras.

Na edición anterior (que decorreu en 2014) Cabo de Cruz tamén se fixera co triunfo, rachando así cunha longa sequía nesta cita, pois desde 2006 non lograba unha vitoria. Neses anos, de 2006 a 2014, Tirán vencera en catro edicións, Meira nunha e o Náutico de Vigo noutra (en 2010).

Comentarios