Cabo imponse con rotundidade na contrareloxo de traiñeiras disputada nas súas augas

Os barbanzáns gañan a súa segunda cita de pretemporada superando Mecos, Meira e Tirán.

Cabo de Cruz non ía deixar pasar a oportunidade de amosar nas súas augas que desde hai uns anos é das traiñeira máis en forma de Galiza, por non dicir a que máis. Na contrareloxo disputada este domingo a tripulación crucense impúxose con rotundidade ao resto de participantes. Fixo un tempo de 20:37:48, 20 segundos menos que a embarcación que ficou segunda, Mecos, que marcou 20:57:63. O terceiro posto logrouno Samertolameu de Meira. Estas tres mesmas embarcacións, e nesa mesma orde, protagonizaron hai unhas semanas outra das citas da pretemporada galega de traiñeiras, o Memorial ‘Pepe O Ruso’, que tivo lugar en Bueu.

Nesta XV edición da contrareloxo, xa todo nun clásico do calendario galego, tomaron parte perto de 40 embarcacións, en diferentes categorías. Após Cabo, Mecos e Meira entou, en cuarto lugar, Ares, a traiñeira que en breve vai debutar na elite (a liga ACT ou San Miguel) após ascender o ano pasado, elevando a tres o número de barcos que representan Galiza na máxima competición do banco fixo. Tirán foi quinta e A Pobra sexta. Na categoría feminina a vitoria foi para as remeiras do Náutico, e a segunda praza para as de Cabo.

Así pois, os de Cabo suman xa dúas vitorias nas tres citas da pretemporada galega, a de Cabo e o `Pepe O Ruso’. A terceira, o Memorial Lagar, foi para Ares. 

Comentarios