Cabo de Cruz imponse nas dúas últimas regatas antes do inicio da tempada de traiñeiras

Venceu nas contra-reloxios de Rianxo e Mera. Esta fin de semana comeza en Sevilla a ACT e O Grove acolle a presentación da Liga galega.

Traiñeira Cabo
photo_camera Traiñeira Cabo

Esta fin de semana comeza ofialmente a tempada de traiñeiras. En Sevilla iniciarase a Liga ACT ou San Miguel, con 2 embarcacións galegas (Cabo e Tirán) a competir con 10 barcos vascos e cántabros. No Grove terá lugar a presentación oficial da Liga Galega de Traiñeiras, onde 22 embarcacións competirán repartidas en tres categorías (A. B e feminina).

As dúas últimas probas antes do inicio oficial da tempada foron para os remeiros de Cabo de Cruz. Impuxéronse na contra-reloxio de Mera e volvérono facer esta pasada fin de semana en Rianxo. Os crucenses son o club de refrencia na Galiza. Teñen tres barcos no mar, un a competir na ACT (onde acabaron sextos a pasada tempada, Tirán foron sétimos), outro na categoría A da Liga Galega e o terceiro, na categoría feminina. Ningún outro clube galego pode presentar esas credenciais.

Na regata de Mera tomaron parte 10 traiñeiras e os de Cabo marcaron un tempo de 20' 34'', impóndose a Coruxo e Ares, segundos e terceiros, por unha diferenza considerábel: case 40 segundos. Na de Rianxo foron sete os barcos que participaron. Cabo fixo aquí un tempo de 21 minutos e 39 segundos. Case un minuto lle sacou aos segundos clasificados, Rianxo. A outra embarcación de Cabo foi terceira. 

Comentarios