Tino Saqués cobra a cabeza de Hernán Pérez

O desastre albivermello en Andorra (4-0) acaba co técnico asturiano.
Os do Principado puideron ser os últimos berros de Hernán Pérez na banda do Club Deportivo Lugo. (Foto: LFP).
photo_camera Os do Principado foron os últimos berros de Hernán Pérez na banda do Club Deportivo Lugo. (Foto: LFP).

Levaba na picota desde a súa derrota ante o Andorra, pero xa é oficial, Tino Saqués cobrou a cabeza dun novo adestrador, Hernán Pérez.

Desde a sinatura de Luís Milla (9 de xuño de 2015), a primeira de Tino Saqués como presidente do Club Deportivo Lugo, ocuparon o posto de adestrador José Durán, Luís César Sampedro -por dúas veces-, Francisco Rodríguez, Javi López, Alberto Monteagudo, Eloy Jiménez, Curro Torres, Juanfran, Mehdi Nafti, Rubén Albés e un Hernán Pérez, que foia última vítima da cadeira eléctrica na que o empresario converteu o banco do Ángel Carro.

Con todo, e ao contrario do acontecido noutras das súas decapitacións, nesta ocasión un cambio parece máis que xustificado, dados os malos resultados do preparador asturiano na cidade da Muralla, onde en 15 partidos acumula tres vitorias, cinco empates e sete derrotas, as dúas especialmente dolorosas, pois supuxeron a eliminación da Copa a mans dun rival moi inferior como o Arenas de Getxo e a consolidación do equipo nos postos de descenso após caer goleado co Andorra (4-0).

E, sendo moi malo, peor incluso que o resultado foron as negativas sensacións transmitidas tanto ante o conxunto do principado como contra o Arenas de Segunda RFEF, de impotencia, apatía e desidia, o que, levou a unha substitución no banco albivermello do que aínda non se coñece novo titular.

O Rácing arruína a xornada en Primeira RFEF

Na terceira categoría os equipos galegos sumaron unha boa xornada coa excepción do Rácing de Ferrol, que afonda na súa crise logo de perder co Linense (2-1); tras ceder o liderado recentemente xa está a piques de caer duns postos de ascenso aos que quedou ás portas de entrar o Dépor tras empatar no minuto 85 (2-2) un partido coa Cultural Leonesa que mereceu gañar, o mesmo que un Pontevedra que non puido pasar do empate cun Fuenlabrada inferior a unha escuadra granate que continúa en postos de descenso. O Celta B, pola súa parte, fuxe desa zona baixa logo de vencer o Raio Maxadahonda por 3 a 1.

O Dépor feminino sofre a inxustiza do fútbol

Un tanto en propia portería de Carlota Suárez no minuto 87 recordoulle ás xogadoras do Deportivo feminino o inxusto que pode ser o fútbol nun choque ante o Barcelona B que as afasta do liderado.

Comentarios