Caballero perante a proposta de Mouriño: “Balaídos é público e seguirao a ser”

O alcalde vigués afirma que “non contemplamos a privatización” do estadio ao tempo que afirma que o Celta teno "á súa enteira disposición”.

Abel Caballero
photo_camera Abel Caballero

Balaídos é público, seguirá a ser público e como tal está á disposición do Celta. Esta é a resposta que Abel Caballero, alcalde de Vigo, deu á proposta que pouco antes puxo sobre a mesa o presidente do Celta, Carlos Mouriño, que ligou o futuro do clube a que o estadio municipal se lle vendese. O rexedor dixo que daría unha resposta a Mouriño “cando coñeza en profundidade” a proposta sobre o campo. Mais xa adiantou que "Balaídos é un estadio público que seguirá a ser público e que o Celta ten e terá á súa total e enteira disposición. Desde logo nós non contemplamos a súa privatización en absoluto".

Caballero quixo destacar a relación “fluída” que ten o Concello coa directiva celeste, da que destacou o seu traballo e compromiso nestes anos. Sobre o estadio, destacou que a aposta do seu goberno é porque Vigo teña “un campo do nivel europeo que merece esta cidade. Un campo público, feito e refeito polo Concello en colaboración coa Deputación”.

Esta foi a resposta do alcalde vigués a Carlos Mouriño, que na súa comparecencia anunciou a proposta do Celta mercar Balaídos, proposta feita con aire de 'ultimato' para garantir o futuro do clube e non ter que vendelo a ofertas procedentes de fóra de Galiza. 

Comentarios