Buscan no río Avia o futbolista desaparecido David García Mitogo

O xogador do Atlético Arnoia desapareceu esta quinta feira e as autoridades barallan a hipótese dun posíbel suicidio.
García Mitogo, durante un encontro.
photo_camera David García Mitogo, durante un encontro. (Foto: @Mitogo7 / Twitter)

Un amplo dispositivo centralizado nunha ponte sobre o río Avia que une os municipios ourensáns de Arnoia e Ribadavia trata de dar co paradoiro do futbolista David García Mitogo, orixinario de Guinea Ecuatorial, selección coa que chegou a disputar partidos como internacional.

O deportista, de 32 anos de idade, foi visto por última vez á primeira hora da mañá desta quinta feira, día 11, nun bar da Arnoia (O Ribeiro), localidade na que residía e onde militaba nas filas do Atlético Arnoia, club que actualmente disputa os seus encontros na categoría Preferente.

O operativo está centrado na ponte sobre o río Avia onde na tarde da quinta feira foi localizado o móbil do futbolista, segundo confirmaron fontes do dispositivo que coordina a Garda Civil e no que tamén participan membros do GES.

Barállase, entre outras hipóteses que van cobrando forza, un posíbel suicidio, dado que o desaparecido enviou unha serie de mensaxes ao teléfono de varios dos seus achegados que soaban a despedida, segundo afirmaron.

Nado en Guinea Ecuatorial, Mitogo formouse nas categorías inferiores do Club Deportivo La Morenica e a Sociedade Deportiva Ponferradina, e desempeñou boa parte da súa carreira en equipos galegos como O Barco, SD Compostela, UD Somozas ou o Arenteiro.

Comentarios