Burela e Poio disputarán a final da Copa da Raíña

Por primeira vez na historia da competición dous equipos galegos enfrontaranse na última rolda
As guerreiras laranxas, festexando a clasificación. (Foto: Burela)
photo_camera As guerreiras laranxas, festexando a clasificación. (Foto: Burela)

Xornada histórica para o fútbol sala galego. Por primeira vez dous equipos do país enfrontaranse na final da Copa da Raíña -que poderá verse o domingo ás 12 horas a través de Teledeporte- logo de que Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar eliminasen nas semifinais Alcorcón (5-3) e Universidade de Alacante (1-0), respectivamente. 

A primeira das escuadras da Galiza en clasificarse para a finalísima, que terá representación galega por sexto ano consecutivo, foi a da Mariña, vixente campioa, que superou con relativa comodidade un Alcorcón que nunca tivo opcións. O conxunto de Julio Delgado optou por unha estratexia en media pista para dar máis protagonismo ao rival nunha cita na que as transicións e o acerto de cara ao gol foron chave para lograr unha vantaxe de 4-1 xa no minuto 11, sucedida despois por un gran traballo de cobertura en defensa. Logo do descanso as laranxas souberon como xestionar ben os seus intereses para que non xurdisen complicacións no electrónico. 

Ademais, no minuto 24 o Pescados Rubén aumentaría a distancia grazas a unha perda de balón alfareira que aproveitaron Cilene, Cris e Leti para elaborar unha xogada definida por Cortés. Porén, as madrileñas non baixaron os brazos a pesar da insalvábel distancia, e a galega Vane Sotelo acurtou distancias cun golazo pola escuadra no minuto 30 e, finalmente, a falta de 49 segundos para o final chegou o definitivo 5-3 de Clau López. 

Vitoria dramática do Poio

A clasificación do Poio Pescamar foi practicamente antitética á do Pescados Rubén Burela. No que nas da Mariña foi case un camiño de rosas desde o primeiro minuto de partido, no caso do conxunto pontevedrés foi toda unha agonía que se estendeu alén do tempo regulamentario, pois fíxose necesaria a disputa de dúas prórrogas para dilucidar quen xogaría a final.

Nun choque de auténtico infarto, no inicio do mesmo ambos os equipos saíron en busca do gol de modo fulgurante, até que as galegas conseguiron facerse co control do balón, nun dominio un tanto estático que non se traduciu en ocasións de gol.

Na segunda metade Luci -Poio- e Elenita -Alacante- tiveron senllas oportunidades para romper o empate, que estivo preto de desfacerse varias veces en favor das españolas, pero a sorte sorriu a un Poio que na segunda prórroga de tres minutos conseguía anotar, por fin, grazas a un potente disparo de Ana Rivera. 

Comentarios