O Burela faise coa Copa da Raíña ante o Poio nunha final 100% galega

Un tanto de Elena Aragón deulle o título ás da Mariña
As guerreiras laranxas desprázanse até Melilla. (Foto: Burela).
photo_camera As campioas conquistaron en Málaga a súa segunda Copa da Raíña de Fútbol Sala consecutiva. (Foto: Burela Pescados Rubén).

O fútbol sala feminino galego vive o mellor momento da súa historia, como confirma a presenza de dous conxuntos do país na final da Copa da Raíña, nun duelo que caeu do lado do Pescados Rubén Burela, que superou o Poio Pescamar FSF por só 1-0, conseguindo revalidar así o título alcanzado na última edición da competición.

Nun choque no que reinaron as defensas, tan só un illado tanto da gaditana Elena Aragón -e de dobre penalti- puido desfacer o empate, permitindo así que a capitá laranxa, Peque, alzase un trofeo que recolleu das mans do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales.

O Burela era o gran favorito, e así o confirmou cun sólido dominio nos compases iniciais de partido, con senllas ocasións de gol que chegaron da man de Dany e Cilene, que estiveron moi incisivas. Pouco máis tarde era Ale da Paz quen probaba sorte, até que no minuto oito de encontro chegou a primeira oportunidade do Poio Pescamar, que obrigou a facer unha grande intervención á porteira laranxa, Jozi, despois dunha boa combinación entre Clara e Luci.

Co paso dos minutos o duelo adoptou unha configuración máis aberta, e as de Pontevedra agrandáronse na que era a primeira final da súa historia, tendo a opción de gol máis clara cando, no minuto 14, Cilene e Julia desenvolveron unha contra case mortal que desembocou nun man a man entre a dianteira laranxa e a porteira conserveira no que estivo máis atinada a xogadora do Poio Pescamar.

Até, claro, que chegou un dobre penalti a favor do Pescados Rubén, aproveitándose do feito de que as súas rivais sumaban cinco faltas. Porén, a sanción fíxose esperar, pois primeiro tivo que pasar pola revisión do soporte tecnolóxico solicitado por Julio Delgado para confirmar unha man de Dani Sousa.

Elena Aragón, natural de Cádiz, lanzaba contra o traveseiro, pero tan só tres minutos antes do tempo de descanso tivo de novo a oportunidade de resarcirse do fallo anterior e, esta vez si, batía Caridad por debaixo das pernas para subir ao marcador un tanto que acabaría por ser decisivo para a conquista do título.

As porteiras, chave

Logo da reanudación, as porteiras -Jozi e Caridad- foron as grandes protagonistas, como demostra o feito de que, a pesar da derrota, a gardameta da escuadra pontevedresa fose distinguida como mellor xogadora na final pola RFEF. 

Ambas protagonizaron intervencións de gran mérito nunha segunda metade na que o Poio gañou en chegadas e en posesión, o que se traduciría en oportunidades como a de Dani Sousa no minuto 25, que tivo a réplica -infrutuosa- nas botas de Cami, primeiro, e Ale de Paz, despois.

A falta de cinco minutos para o final o Poio tivo a súa mellor ocasión para lograr o empate.  que chegaría nun córner botado por Antía e que Ana Rivera non foi quen de definir cando Jozi xa estaba totalmente superada.

Con ese 1-0 remataba a gran final da Copa da Raíña, da que a pesar da derrota o Pescamar volve á casa coa cabeza ben alta sabendo que, tal e como sinalou o seu adestrador, Manu Cossío, "hai que seguir por este camiño" para conseguir gañar no futuro.

Pola súa banda, a heroína que anotou o gol da vitoria burelista, Elena Aragón, mostrouse exultante despois do partido, manifestando a súa "fortuna" por transformar o seu segundo penalti e conquistar algo "inimaxinábel" para ela.

Comentarios