O Burela amplía a súa lenda gañando a cuarta Supercopa consecutiva

A escuadra laranxa recupera o dominio do fútbol sala
A alegría foi total entre xogadoras e afección do Burela (Foto: RFEF).
photo_camera A alegría foi total entre xogadoras e afección do Burela (Foto: RFEF).

Non pouca parte das seareiras e da crítica especializada quixo albiscar na perda do pasado título ligueiro a mans do Futsi Atlético Navalcarnero a fin do dominio dun Burela que no 2022 fechou un ciclo de máis de 1.000 días gañando todos os títulos oficiais aos que aspiraba.

Pero, como cantaba Peret, o equipo laranxa "non estaba morto, estaba de parranda", e na recente Supercopa de fútbol sala, disputada ademais ante o seu público no Pavillón de Vista Alegre, recuperou o cetro de mellor conxunto do Estado.

Co seu triunfo, ademais, inscribe o seu nome nos libros de récords da competición, pois nunca até o de agora un equipo gañara catro edicións de forma consecutivas (2020, 2021, 2022, 2023), quedando en tres a mellor marca do seu arqui-inimigo, o Navalcarnero (2013, 2014, 2015 e 2017, 2018 e 2019).

As madrileñas foron, precisamente, as primeiras vítimas das galegas nas semifinais da Supercopa 2023, unha final anticipada na que a formación local logrou imporse por 5-3.

Superado o primeiro e, dado o nivel dos participantes do outro lado do cadro,

máis complicado obstáculo, a final ante Melilla Sporting Club (MSC) Torreblanca semellaba máis accesíbel, como así foi.

Desde o inicio, as de Julio Delgado marcaron a pauta do choque, pois no primeiro minuto Emilly ameazaba a portería contraria con potente disparo. Porén, foi Antía, aos tres minutos de xogo, a que perforou primeiro a meta defendida por Sara Soares.

O segundo foi obra da veterana Dany -que aos seus 38 anos continúa exhibindo un gran nivel- no minuto 12, subindo Peque o terceiro ao electrónico no 16. Thais reduciu distancias no 31, pero 60 segundos despois Emilly -nomeada mellora xogadora da final- cortou todo atisbo de reacción africana co último tanto dun encontro que rematou 4-1.

Comentarios