Burela, Amarelle e Marín buscarán puntuar fóra

A liga de fútbol sala volve tras a Supercopa. Tras a resaca da vitoria do Burela, os equipos galegos teñen por diante os seus encontros esta fin de semana. 
O Viaxes Amarelle vén dunha derrota co Alcorcón (Foto:  Nós Diario).
photo_camera O Viaxes Amarelle vén dunha derrota co Alcorcón (Foto: Nós Diario).

O fútbol sala feminino galego ten este domingo, tras a resaca da Supercopa, importantes citas fóra de casa. O Viaxes Amarelle FSF regresa á competición despois da xornada de descanso e faino cun partido contra o LBTL Futsal Alcantarilla en Murcia (12 horas).

O Pescados Rubén Burela FS, pola súa parte, xogará co FS Zaragoza na capital aragonesa (12 horas), aínda co título na cabeza. O terceiro en viaxar é o Marín Futsal que xogará hoxe co Leganés, en Madrid (19 horas).

Sumar a primeira vitoria

O Viaxes Amarelle buscará resarcirse da derrota da primeira volta. O seu técnico, Jorge Basanta, leva dúas semanas de traballo a bo ritmo e “con boas sensacións”.

O seu rival ocupa actualmente a oitava posición da xeral con 24 puntos, cultivados tras oito vitorias e oito derrotas, nos dezaseis encontros que disputaron até a data. Suman 44 goles a favor, e encaixaron 35 tantos en contra, polo que son o quinto equipo que menos goles encaixa na máxima categoría.

O conxunto murciano comezou o ano cunha vitoria fronte ao fechacancelas do grupo, mais nas dúas últimas xornadas cedeu dúas derrotas, onde ademais non foi capaz de anotar ningún tanto na súa marcadora. O club herculino tratará de sumar a primeira vitoria deste novo ano, onde só conseguiu engadir un punto ao seu marcador tras os tres primeiros partidos disputados. 

Volta da Supercopa

A xornada 17 da Liga de Primeira Federación de Futsal Feminina será para o Burela a da volta á realidade ligueira unha vez rematada a gran festa que foi a Supercopa que, un ano máis, foi de cor laranxa.

Para o partido coas do Zaragoza, as burelás terán en conta de que se enfrontan a un equipo que acaba de saír dos postos de descenso ao gañar ao Marín esta fin de semana pasada, 5-9, na localidade galega, aínda que continúan empatadas a 10 puntos co Rayo.

As Guerreiras de Julio Delgado continúan segundas na clasificación, empatadas a 43 puntos co Poio e aínda que este sábado viaxan a Zaragoza coa formación baixo mínimos, non teñen intención de dar tregua. 

Xa na casa xogarán hoxe o Ourense Envialia contra o MSC Torreblanca (17 horas) e o Poio Pescamar contra o Atlético Navalcarnero (19 horas).

Comentarios