O Burela abre a Women's European Champions ante o Normanochka

O choque disputarase ás 20 horas desta quinta feira en Lugo.
O Burela é o gran favorito tanto polo seu nivel como pola condición de local (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera O Burela é o gran favorito tanto polo seu nivel como pola condición de local (Foto: Pescados Rubén Burela).

Finalizou o tempo de espera e chegou a hora da estrea do Futsal Women’s European Champions, que se disputará no Pazo dos Deportes de Lugo desde esta quinta feira e até o vindeiro domingo 5 de decembro.

A representación galega neste torneo continental de nova creación recae no mellor equipo do mundo -segundo o portal especializado Futsalplanet-, o Pescados Rubén Burela.

O conxunto mariñán, encadrado no Grupo I, abre fogo esta quinta ás 20 horas ante un rival de entidade, como é o ruso MFC Nomanochka

Con todo, o partido inaugural disputarase ás 17.30 horas entre dous equipos do Grupo II, o Benfica Portugués e o WFC Tesla ucraíno, tendo que agardar para o seu debut até mañá o Pescara Femminile italiano, único que restaría por xogar logo da ausencia de última hora do  ŽNK Osijek croata a causa da Covid-19

O Noia fai historia e deixa fóra o poderoso O Pozo

Dando o salto ao fútbol sala masculino, o Noia Portus Apostoli fixo historia na terceira rolda da Copa.

Ante o cuarto clasificado da Liga Nacional de Fútbol Sala -un conxunto que acumula un palmarés case sen parangón a nivel estatal e que inclúe cinco ligas, seis copas e outras tantas supercopas-, a escuadra galega, que milita na Segunda División, deu a sorpresa deixando fóra O Pozo de Murcia tras superalo por  5-3.

A actuación individual de Chus, con tres goles, foi chave para conseguir un resultado que deixa o Noia como único representante galego na Copa, pois o Pescados Rubén Burela e O Parrulo Ferrol caeron eliminados ante UMA Antequera (2-1) a domicilio e Osasuna Magna (2-5) na Malata, respectivamente.

Desde a prensa murciana algunhas crónicas xa cualifican o mataxigantes noiés de "candidato" a facerse co título copeiro.

Comentarios