O DEPOR SUMA UN PUNTO QUE SABE A VITORIA

Brillante actuación do Celta fronte ao Espanyol e do Deportivo no Camp Nou

Malia unha polémica actuación arbitral,que supuxo a expulsión de Pablo Hernández nos inicios da segunda parte, o Celta foi quen de anotar 3 puntos diante do Espanyol en Balaídos. O Depor tamén asinou unha grande actuación no temíbel Camp Nou e remontou un partido que se lle puña de costas, facéndose cun valioso empate.

[Imaxe: RRCV] Nolito
photo_camera [Imaxe: RRCV] Nolito

Até mediada a primeira parte non se viu fútbol de intensidade en Balaídos. Até o de entón, o partido discorría cun xogo impreciso que non conseguía inquietar ningún dos porteiros. Foi a partir dun lanzamento de córner do Espanyol, que puxo a proba Sergio, cando o encontro gañou ritmo.

 A partir de entón, os vigueses comezaron a encerrar o Espanyol na súa área e grazas a esa presión lograron un roubo que propiciou o primeiro gol. Nunha xogada persoal, Iago Aspas rematou picando o balón por riba de Pau López para adiantar o Celta no marcador. No último minuto, marcaba Bogondo para o Celta mais, aínda que a posición era correcta, o árbitro anulou o tanto. Deste xeito, os vigueses chegaban ao descanso con 1-0 no marcador.

A segunda parte comezou mal para o Celta, pois Pablo Hernández viu a segunda amarela e ficou o equipo con 10 homes durante case 40 minutos. A expulsión do Tucu Hernández foi amplamente apupada polos vigueses, que criticaron a decisión do árbitro porque as dúas accións penadas con amarela foran dous saltos de cabeza limpos. Porén, os homes de Berizzo apenas notaron a expulsión e seguiron presionando un Espanyol que apenas era quen de chegar á área rival.

O Celta aínda dispuxo de máis ocasións e seguiu xerando fútbol e abafando un Espanyol que se amosaba incapaz de reaccionar. A polémica arbitral continuou até os derradeiros minutos do partido, cando Hernán Pérez, que estaba amoestado, cravoulle os tacos a Sergio e non recibiu sanción ningunha. No tramo final, o porteiro evitou o empate do Espanyol após un saque de recuncho. A nota negativa do encontro foi a lesión de Nolito, que saíu do campo con molestias nos isquiotibiais.

Á hora da edición desta información, os vigueses ocupan o 4º posto da táboa de maneira provisional.

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Planas, Augusto, pablo Hernández, Bongonda (Borja Fernández, min.70), Orellana, Nolito (Pape Cheikh, min.86) e Iago Aspas (Guidetti, min.80)

Espanyol: Pau López. Víctor Sánchez (Asensio, min.68), V. Álvarez (Burgui, min.53), Gerard, Pape Diop, Javi López, Hernán Pérez, Fuentes, Caicedo (Mamadou, min.48), Álvaro e Raíllo

Goles: 1-0, min.42: Iago Aspas

Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Expulsou con dupla amarela Pablo Hernández. Amoestou Hernán Pérez, Víctor Sánchez, Pablo Hernández, Augusto e Orellana.

O Depor remonta un 2-0 no Camp Nou e consegue traer un punto para a casa

O Deportivo, pola súa banda, asinou un meritorio empate e trouxo para A Coruña un punto que sabe a vitoria. Os coruñeses lograron remontar un partido que se lles puña de costas con dous golazos de Messi e Rakitic. Foi após os goles cando o Depor se veu arriba e foi quen de facerse cun punto con marcado carácter galego. Foron Lucas Pérez e Álex Bergantiños quen subiron o empate ao marcador.

O primeiro gol do Barça chegou no minuto 38, no segundo lanzamento directo de Messi a porta, que bateu Lux pola escuadra. Lonxe de virse abaixo, o Depor seguiu presionando na área rival e imprimiulle un maior ritmo ao encontro após o descanso. De feito, os coruñeses apertaron a defensa culé con tres ataques con perigo en catro minutos.

Rakitic conseguiu no minuto 61 o segundo gol para o Barcelona despois de bater Lux cun disparo desde fóra do área. Cando os culés parecían levar os tres puntos no peto, o Depor avisou cun disparo envelenado de Cardoso que foi dar ao pau e que Lucas Pérez meteu dentro da rede. Porén, a xogada estaba invalidada por fóra de xogo. Na seguinte acción, o coruñés non perdoou e bateu o meta chileno no minuto 77.

O gol de Lucas Pérez deulle azos ao Depor, que conseguiu o empate no minuto 85 grazas a Bergantiños, que marcou após un centro de Lucas Pérez.

Á hora da edición desta noticia, o Dépor sitúase no posto 6º da clasificación.

Barcelona: Bravo; Dani Alves, Piqué, Mascherano, Jordi Alba (Mathieu, min.76), Sergio Busquets, Rakitic (Sergi Roberto, min.72), Iniesta, Messi, Luis Suárez e Sandro (Munir, min.68).

Deportivo: Lux; Laure, Arribas, Sidnei, Navarro, Bergantiños, Fajr, Luisinho (Juan Domínguez, min.46), Juanfran (Cardoso, min.70), Jonathan (Luis Alberto, min.58) e Lucas Pérez.

Goles: 1-0: Messi, min.38. 2-0: Rakitic, min.62. 2-1: Lucas Pérez, min.77. 2-2: Bergantiños, min.85.

Árbitro: Sánchez Martínez (Comité Murciano). Amosoulle amarela a Luisinho (min.41) e Laure (min.72).

Comentarios