O Breogán xogarase o ascenso á Liga ACB na cancha do Granada

A finalísima da LEB Ouro terá lugar este domingo ás 19 horas.
O preparador burgalés leva desde 2019 á fronte do conxunto lucense. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera Diego Epifanio sinalou que o de mañá será un partido " onde ningún dos dous equipos teremos rede". (Foto: Leite Río Breogán).

Toda viaxe ten a súa fin, e o percorrido do Leite Río Breogán pola tempada máis atípica na longa historia da LEB Ouro remata este domingo cun choque que determinará se este percorrido ten o 'happy ending' do ascenso á máxima categoría do baloncesto estatal ou, polo contrario, remata con esa amarga sensación que se adoita resumir coa frase de "tanto nadar pra morrer na beira".

Deste modo, oito meses e catro días despois da estrea da competición, o Pavillón Municipal de Granada, fogar do rival dos galegos no derradeiro e decisivo partido da fase de ascenso, acollerá a partir das 19 horas da tarde un duelo cos andaluces do Covirán que prometer ser, como destacou o técnico celeste, "un partido onde ningún dos dous equipos teremos rede".

O modelo a seguir debe ser o do segundo partido da eliminatoria, no que o Breogán pasou por enriba do Granada durante a maior parte do tempo regulamentario, conseguindo así anular a vantaxe inicial do seu rival.

Fundamental para este desenlace foi o absoluto control dos celestes sobre o rebote ofensivo -cun 16 a tres favorábel aos seus intereses- , polo que un novo monopolio dos xogadores lucenses neste eido podería volver resultar determinante.

Lamentabelmente, para este terceiro e decisivo encontro a escuadra de Lugo non terá ao seu favor o factor campo, que até o de agora se mostrou moi importante.

Porén, se algunha lección se pode extraer dos dous primeiros partidos é que, como recoñeceu o propio técnico dos granadinos, Pablo Pin, o Covirán vai "coa gasolina xusta", un factor que pode e deben explotar os de Diego Epifanio para tratar de anular o favoritismo que sempre outorga tanto xogar ante o teu público como gañar o primeiro choque da eliminatoria.

Comentarios