domingo 01/08/21

O Breogán xa é oficialmente equipo da ACB

Tamén se confirmou a chegada do valenciano Paco Olmos ao banco do equipo celeste.  
paco_olmos-breogan
Benvida do club lucense ao novo adestrador do equipo (Imaxe: CB Breogán)

O Breogán xa é oficialmente equipo da ACB. A Asemblea confirmou esta quinta feira, 15 de xullo, o ingreso do equipo lucense na Liga Endesa, tendo en conta que a documentación enviada estaba toda en regra e cumpríanse os requisitos económicos. O presidente, José Antonio Caneda, e o director xeral, Tito Díaz, representaron o club nesta reunión.

Este trámite era indispensábel para oficializar tamén as primeiras xestións de cara á próxima tempada. O primeiro  ─agardado─ deuse xa na tarde deste 15 de xullo, coa confirmación de Paco Olmos como novo adestrador.

 "Moi contento e agradecido pola confianza depositada na miña persoa. A traballar máis que ninguén e con máximo esforzo para conseguir o noso obxectivo, canda a mellor afección da ACB", escribiu o valenciano na súa conta de Twitter, coas etiquetas #ForzaBreo e #FagamosEquipo.

Experiencia ACB

Olmos regresa ao baloncesto estatal tras unha etapa en México ─onde logrou tres títulos nacionais de liga─ e Porto Rico. Con anterioridade e despois de dirixir varios equipos en diferentes categorías, sentou no banco do Valencia na tempada 2002-03 logrando a súa primeira ULEB Cup e o subcampionato de liga ACB.

Na súa segunda tempada, situou o equipo laranxa no top 16 da Euroliga e chegou a cuartos de final do play off polo título da Liga ACB.

Co Breogán, afrontará o reto de manter o equipo na máxima categoría. Contará para isto, polo momento, con tres xogadores da anterior campaña asegurados (Iván Cruz, Kevin Larsen e Eric Quintela).

Outros cinco xogadores contan con contrato revisábel ou con cláusula de corte (Mo Soluade e Adam Sollazzo; e Kacinas, Aboubacar e Ahonen). Mateo Díaz tamén pertence ao club lucense e Sergi Quintela podería renovar o seu contrato. 

comentarios