O Breogán representará Galiza na final da fase de ascenso á Liga ACB

Tan só catro puntos separaron Básquet Coruña de unirse aos lucenses na finalísima.
A alegría foi total entre o cadro de xogadores celeste despois do triunfo ante Alacante (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera A alegría foi total entre o cadro de xogadores celeste despois do triunfo ante Alacante (Foto: Leite Río Breogán).

Oito meses de competición e tan só catro puntos impediron que Leite Río Breogán e Leyma Coruña disputasen unha histórica final galega na fase de ascenso á Liga ACB. Esa foi a mínima desvantaxe pola que perdeu a escuadra herculina no terceiro e decisivo partido das semifinais ante Covirán Granada (72-68), mentres que os lucenses superaron o derradeiro partido da súa eliminatoria ante HLA Alacante cun contundente 87-77.

A análise das causas da derrota do Básquet Coruña resulta dolorosa, pois lonxe de ir a remolque todo o encontro, os galegos tiveron na súa man fechar o partido ao seu favor en numerosas ocasión.

Así, o primeiro tempo estivo caracterizado pola igualdade,  coa excepción dun pequeno parcial favorábel ao conxunto local no que chegaron a estar seis arriba no electrónico (20-14). 

Non obstante, os de Sergio García recortaron diferencias e chegaron ao tempo de descanso con tan só dous puntos en contra (34-32), regresando do intermedio cun 2-10 que deixaba o resultado en 36-42 e facía pensar que a eliminatoria se inclinaría do lado do Leyma Coruña. Nada máis lonxe da realidade.

Os andaluces levantaron cabeza e, da man dun Lluis Costa en estado de graza, déronlle a volta ao partido até chegar a un 62-54 do que os laranxas nunca foron quen de recuperarse, a pesar de  que nos últimos segundos Zach Monaghan tivo nas súas mans un tiro de tres que non entrou e que puido cambiar o curso do partido.

A forza de xogar na casa

Poucas casualidades existen no baloncesto, e o feito de que se clasificasen para a seguinte rolda ambos os equipos que tiñan o factor campo ao seu favor non é unha delas.

O Leite Río Breogán tivo a sorte de poder contar co apoio da afección do Pazo nun choque no que colleu inercia positiva xa no primeiro cuarto (28-18) e que, logo de levantar o pé do acelerador no segundo e no terceiro, sentenciou no derradeiro período da man dun Kevin Larsen que fixo alarde do sangue frío que o caracteriza. 

Comentarios