O Breogán recupera esta quinta feira o choque adiado ante o Bilbao

A escuadra lucense xoga en Miribilla ás 20 horas
O Breo precisa da vitoria se non quere perder o tren da Copa. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O Breo precisa da vitoria se non quere perder o tren da Copa. (Foto: Leite Río Breogán).

O Leite Río Breogán, décimo clasificado e gran revelación na máxima categoría do baloncesto estatal, a só un triunfo dos postos clasificatorios para a disputa da Copa, xoga esta quinta feira ás 20 horas no Arena Miribilla de Bilbao o choque adiado o pasado día 5 de decembro a causa dun fallo electrónico no marcador de posesión.

O Breo chega a este compromiso co hándicap que supón disputar tres encontros en tan só sete días, circunstancia criticada polo técnico lucense, Paco Olmos, quen se laiou de pasar "de non xogar nun mes a disputar tres partidos nunha semana".

Ademais, a escuadra celeste decidiu dar de alta Álex Urtasun de modo temporal, mentres se recupera da súa lesión o mancado Sergi Quintela. O escolta galego sufriu unha escordadura que o terá fóra das pistas entre dous e tres semanas, aínda que o equipo médico do club tratará de acurtar os prazos de recuperación.

Mentres tanto, Urtasun, un veterano de 37 anos cunha ampla traxectoria na elite do baloncesto estatal en equipos como Pamesa Valencia, Lucentum Alacante, CAI Zaragoza ou Montakit Fuenlabrada, ocupará a praza de Quintela, polo menos, nos partidos de hoxe ante Bilbao e o do domingo co Valencia Básket.

Básket Xiria e Seis do Nadal, co deporte de base

A Escola Básket Xiria organiza a cuarta edición de Vive o Deporte, desfruta do baloncesto na túa parroquia, un evento "de carácter lúdico, deportivo e social" que este Nadal fai parada en Carballo (22 de decembro ás 16 horas nas pistas deportivas da Praza do Concello con equipos de categoría benxamín) e Bertoa (martes 28 de decembro ás 16 horas nas pistas deportivas do Colexio de Mirón con conxuntos de idade alevín).

150 quilómetros máis ao sur, en Vigo, o Club Baloncesto Seis do Nadal organizará as Xornadas de Tecnificación de Inverno 2021 durante a semana do 27 ao 30 de decembro nas instalación do Colexio Seis do Nadal.

Este campus ofrecerá unha formación deportiva específica que neste 2021 contará con contidos de iniciación e tamén de perfeccionamento "que correrán a cargo de técnicos que teñen unha contrastada experiencia".

As sesións estarán centradas na mecánica de tiro, na técnica individual, na táctica colectiva e individual, na toma de decisións e na preparación física.

Comentarios