O Breogán presentarase esta semana diante da súa afección en Lugo

Os equipos galegos da liga Endesa de baloncesto, o Río Breogán e o Monbus Obradoiro, continúan a súa preparación de cara esta competición. Os de Lugo presentaranse en casa diante o FC Porto mentres que no Obradoiro deron a coñecer os dorsais desta tempada.
O Breogán xa se mediu hai unha semana ao Porto con vitoria (Foto: Río Breogán).
photo_camera O Breogán xa se mediu hai unha semana ao Porto con vitoria. (Foto: Río Breogán)

Á espera do inicio da liga estatal  Endesa de baloncesto, os equipos galegos participantes, Río Breogán de Lugo e Obradoiro de Compostela, seguen preparándose con partidos amigábeis, dando a coñecer algunhas novidades e animando á afección local para que continúen apoiando aos seus equipos. 

O Río Breogán estrearase antes do inicio da competición estatal mañá diante do seu público. Será diante o FC Porto no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo (20 horas). A razón de voltar ás instalacións históricas do equipo que adestra Veljko Mrsic teñen que ver coa organización do encontro, de carácter benéfico, organizado desta vez polo Concello de Lugo e a Fundación Breogán. O prezo das localidades para presenciar este encontro é de cinco euros, salvo para os menores de cinco anos, que terán entrada gratuíta. 

O seguinte amigábel dos de Lugo será este sábado xa no escenario habitual do Pazo de Deportes contra o Surne Bilbao Basket (18 horas). Será o primeiro desafío diante un equipo da mesma liga. O equipo vasco, que esta tempada disputará a Basketball Champions League por quedar en noveno lugar na edición anterior da liga Endesa tivo varios cambios este verán coa incorporación de sete xogadores e un novo adestrador: Jaume Ponsarnau. 

As razóns dos dorsais do Obradoiro

O Monbus Obradoiro continúa fidelizando a súa afección e lembra nun comunicado que esta é a última semana para renovar o abono e manter o asento en Sar para gozar dos partidos do equipo. Ademais, coa chegada das últimas incorporacións, Thomas e Phil Scrubb, cedeu a palabra aos seus xogadores para que explicaran as razóns de escoller a numeración dos seus dorsais. 

Scrubb, por exemplo, seguirá co 1 aínda que recoñece que "case sempre escollo o 11, mais a tempada pasada tíñao un compañeiro e decanteime polo 1”. Un caso semellante foi o de Bender que continuará co 2 na camiseta. Paige quedou co 3 “en homenaxe a un dos meus xogadores favoritos da infancia: Allen Iverson".

Zurbriggen manterá o 5 que leva desde as categorías formativas como lle acontece a Westermann co 9. Blazevic escolleu o 11 e P. Scrubb o 23 en homenaxe a Michael Jordan. Walker levará o 24 por Kobe Bryant e Guerrero o 32 por ser o número favorito do seu irmán. Muñoz mantén o 33 e Suárez decidiuse polo 93 ao ser o ano do seu nacemento. Por último, Vicedo recoñece que case sempre leva o 9 mais quixo mudar nesta ocasión polo 00.

Comentarios