Breogán e Ourense toman vantaxe na loita polo ascenso a ACB

O conxunto lucense conseguiu unha ampla vitoria en casa contra o Palencia (91-75). O Ourense Baloncesto venceu con suspense ao Melilla (86-84) tras desaproveitar unha vantaxe de 18 puntos. 

(Foto: Breogán / Pat Muñoz)
photo_camera (Foto: Breogán / Pat Muñoz)


Os equipos galegos de Adecco Oro toman vantaxe na loita polo ascenso a ACB. O Breogán e o Ourense conseguiron vencer en casa durante o primeiro encontro da fase eliminatoria. Dous partidos marcados pola superioridade dos conxuntos do país, que sufriron para facerse coa vitoria, que aspiran á máxima categoría do baloncesto estatal. 

Breogán 91 – Palencia 75

O Breogán afrontaba o encontro de ida contra un Palencia ‘tocado’ polas baixas. A igualdade foi máxima durante os primeiros vinte minutos de encontro (38-39) nun ateigado Pazo dos Deportes de Lugo. Pero o club galego apertou no último cuarto e conseguiu remontar o resultado, abrindo unha fenda no marcador. Apoiados polo bo facer no rebote de Chris Mortellaro e na anotación ofensiva de Álex Llorca, o Breogán conseguiu unha vantaxe de 16 puntos cara o partido de volta. 

Ourense 86 – Melilla 84

Igual de sufrida foi a vitoria do Ourense no Pazo dos Deportes Paco Paz. O conxunto ourensán arrancou o encontro con forza e grazas ao acerto exterior de Pedro Rivero e Salva Arco chegou ao descanso co electrónico ao seu favor (53-41). O Ourense gozou dunha diferenza de 18 puntos, que presumía un cómodo triunfo. Mais os visitantes axustaron en defensa e conseguiron darlle a volta o resultado. A falta de cinco minutos, o Melilla púxose por diante, pero desaproveitou o último balón, co marcador igualado a 84, que foi recollido por Marcos Suka para sentenciar o encontro de ida. 

Un paso cara o ascenso

Os equipos galegos afrontarán así con vantaxe o próximo 28 de abril os encontros de volta dos cuartos de final das eliminatorias. De vencer as dúas fases, poderían encontrarse na final polo único posto de ascenso a ACB.

No terceiro partido, o Valladolid venceu a Navarra (68-63), e situase en cabeza como previsible rival do Breogán. O último encontro da xornada disputarano Mallorca e Lleida este domingo, de onde sairá o adversario do Ourense, sempre e cando manteña a vantaxe da ida.

Comentarios