O Breogán loita no Pazo por gañar a Copa Princesa ante o Alacante

Os galegos queren facerse co torneo por terceira vez
Salva Arco, capitán lucense, considera que a vitoria pasa por "controlar o ritmo do partido". (Foto: Palencia Baloncesto).
photo_camera Salva Arco, capitán lucense, considera que a vitoria pasa por "controlar o ritmo do partido". (Foto: Palencia Baloncesto).

O Leite Río Breogán ten mañá a oportunidade de engadir un novo título ao seu palmarés, a Copa Princesa na súa edición de 2021, que disputará ante Lucentum Alacante a partir das 19.30 horas no Pazo dos Deportes de Lugo e que os afeccionados e afeccionadas celestes de todo o mundo poderán seguir a través do portal laligasports.tv.

Esta será a segunda ocasión na que a pista lucense acolla a final dun torneo que a escuadra galega aspira a conquistar por terceira vez, sempre e cando llo permita un Alacante que pretende continuar coa inercia de vitorias visitantes inaugurada o ano pasado por Delteco Gipuzkoa.

Ambos os equipos conseguiron o privilexio de disputar este encontro logo de seren os mellores clasificados nos seus respectivos grupos do novo formato da LEB Ouro. Durante o mesmo, os galegos vestirán un deseño exclusivo na camiseta, deseñada por Sargadelos, coa que pretenden "homenaxear os máis de 50 anos de historia celeste e a memoria empresarial e cultural da Galiza que representa a propia Sargadelos", segundo explicaron desde o Leite Río.

"No deseño desta camiseta -engaden-, á intensa cor azul uniuse a aplicación dunha trama baseada nos seus decorados máis emblemáticos. Este decorado abstracto está inspirado nas formas dos casetóns das bóvedas barrocas. Desenvolto en 1967 como relevo en branco para servizos de mesa, en 1970 toma protagonismo como ornamento, e aos poucos vaise afianzando como un dos elementos decorativos máis representativos de Sargadelos", din.

O Leite Río Breogán, favorito sobre o papel

A gran final da Copa Princesa chega cos seus dous protagonistas inmersos en xeiras ben diferentes. Así, mentres que os lucenses -a pesar do recente tropezo contra o Básquet Coruña- son líderes sólidos do seu grupo na LEB Ouro, os alacantinos cederon ese liderado e non saben o que é gañar un partido desde o pasado ano 2020, cando superaron o Força Lleida por 67-87.

Non obstante, en Lugo poderán contar coa achega da súa última fichaxe, o ala de 2,03 de altura Noah Allen, que conta cunha ampla experiencia na NCAA, a NBA Summer League e a G-League americanas, así como na propia LEB Ouro, na que defendeu as cores do Baxi Manresa na tempada en que o equipo catalán conseguiu o ascenso á ACB.

Independentemente da presenza de Allen, para Diego Epifanio, preparador do Leite Río Breogán, esta será unha final de Copa "imprevisíbel", pois considera que "cada partido ten unha historia totalmente diferente". Ademais, destaca do Lucentum Alacante o feito de que é "o equipo que máis puntos anota de toda a competición", polo que insta os seus xogadores a "estar atentos aos inicios" de cada cuarto".

Nunha liña similar maniféstase o capitán, Salva Arco, quen considera que o triunfo final pasa por "controlar o ritmo do partido". "Sabemos que até o de agora as cousas foron moi ben, e que esta final é un premio, pero iso non debe facer que nos relaxemos, senón que sigamos sendo igual de competitivos que até o de agora, pois o rival é moi complicado. Creo que como equipo temos moi ben asumidos os nosos roles e que debemos seguir nesta liña, porque o Alacante ten moita experiencia e fai moitos puntos, polo que teremos que igualar a súa dureza interior para poder impor o noso ritmo de xogo", conclúe. 

Comentarios