xoves 21/01/21

Breogán e Leyma seguen dominando a LEB Ouro

O Ourense, pola súa banda, xa suma cinco derrotas seguidas e peligra García de Vitoria.
Galiza monopoliza o primeiro e o segundo posto da Liga. (Foto: Jairo Manzano- Tizona).
Galiza monopoliza o primeiro e o segundo posto da Liga. (Foto: Jairo Manzano- Tizona).

O ano 2021 non semella moi diferente de 2020 no que respecta á LEB Ouro, pois Breogán de Lugo e Leyma Coruña seguen sendo os grandes dominadores da categoría, mentres que o Clube Ourense Baloncesto continúa sumido nunha fonda crise de xogo e resultados e xa acumula cinco derrotas consecutivas.

A entidade lucense continúa como líder após superar, non sen dificultades, Tizona Universidade de Burgos na súa casa por 79-83. Os de Diego Epifanio, que volvía á súa terra por un día, pasárono mal ante un rival teoricamente inferior, e sustentaron o seu triunfo na acertada xestión da vantaxe que lograron no primeiro cuarto (17-28).

Pola súa banda, o Leyma Básquet Coruña conseguiu unha importante vitoria ante un rival directo como é o Valladolid (67-78). O conxunto laranxa iniciaba o encontro un punto por debaixo (13-12) logo da finalización do primeiro cuarto, unha desvantaxe que se ampliaría até os cinco puntos no tempo de descanso (40-35).

Non obstante, logo da reanudación os xogadores casteláns asistiron case como espectadores a un recital de xogo por parte do Leyma Coruña, tanto en ataque como en defensa, que os levou a que o partido rematase co resultado final de 67-78 e a asegurar, de paso, o segundo posto na clasificación. 

Ruído de sabres no Clube Ourense Baloncesto

Peor sorte correu o terceiro representante galego na categoría de prata do baloncesto estatal, o COB Ourense, que caeu derrotado na casa de Destino Palencia por un contundente 87-69, unha diferenza de puntos que mesmo parece pequena comparada coas 27 anotacións dos que chegaron a ir perdendo os ourensáns.

Este resultado deixa en penúltima posición da táboa o COB, con tan só dúas vitorias en dez partidos disputados, e xa corre por Ourense un ruxerruxe sobre unha posíbel destitución do seu técnico, Gonzalo García de Vitoria.

Tanto é así que o consello de administración do Clube Ourense Baloncesto viuse obrigada a facer público un comunicado ratificándoo no seu cargo, sinalando que "a pesar de ser consciente de que o equipo vive un momento delicado debido á xeira negativa de resultados, este consello non pensa nun cambio de adestrador".

comentarios