O Breogán fará soar o himno nos partidos dos play off

O comisario da FEB nega que ordenase cortar a música. 

CB Breogán
photo_camera CB Breogán

A directiva do CB Breogán anunciou que nos partidos que restan nos cuartos de final dos play off poderá escoitarse no Pazo a versión íntegra do himno galego após o "malestar" amosado pola súa afección e a do Básquet Coruña o domingo 24 de abril. 

"Dende o CB Breogán lamentamos o incidente producido co corte do himno galego que soaba – como fixera no primeiro encontro- no segundo partido, debido, segundo informou a organización, a unha decisión do comisario arbitral", explica nun comunicado pendurado através do seu portal web o clube lugués. 

Sanchís (FEB): "A gravación eran seis ou sete minutos e díxenlle [a un empregado] que dous ou tres parecíanme suficientes"

"Sendo o himno un símbolo para todos os galegos, e tendo causado malestar en ámbalas dúas afeccións, confirmamos que soará nos prolegómenos dos dous partidos do Pazo", acrecenta en relación ao encontro que disputarán ambas as dúas equipas na sexta feira (21h) e o domingo (18h). 

Porén, desde a Federación española de baloncesto negan o relatado pola dirección do Básquet Coruña que apuntou a unha decisión do comisario da FEB, Vicente Sanchís, o corte do himno. "Quen son eu para dicirlle a ninguén que poña ou quite un himno?", sinalou en declaracións recollidas polo diario La Voz de Galicia

Sanchis asegura que "un empregado" se lle achegou no primeiro dos partidos dos play off antes do comezo para lle indicar que "a gravación eran seis ou sete minutos e díxenlle que dous ou tres parecíanme suficientes". "Cantouse o himno e non houbo ningún problema. O domingo díxenlle ao delegado de campo que fariamos o mesmo que o outro día e non se que pasou»", acrecentou. 
 

Comentarios