luns 26/07/21

O Breogán faise con Bell-Hyanes, base anotador

A pasada campaña, xogando no Crailsheim Merlins, foi elixido mellor atacante da Bundesliga con 22 puntos por partido.
breogan_trae-Bell-Haynes
Benvida do club lucense ao novo base do equipo (Imaxe: CB Breogán)

O Breogán chegou a un acordo co base canadense Trae Bell-Haynes para que vista a camiseta celeste no regreso do equipo lucense á ACB. O novo xogador formouse na Universidade de Vermont, onde promediou 11,7 puntos, 3 rebotes e 4 asistencias por partido en catro tempadas. Durante esta etapa universitaria, foi habitual nos quintetos destacados da súa conferencia, sendo xogador do ano nas dúas últimas campañas.

Porén, este base anotador, nacido en Toronto en 1995 e de 1,88 metros de altura, non foi elixido no draft da NBA do ano 2018. Consecuentemente, decidiu dar o salto a Europa. 

No Vello Continente xogou no Skyliners Frankfurt alemán e no Helsinki Seagulls finlandés, con aparicións esporádicas na liga canadense co Niagara Rivers; e explotou a pasada campaña no Crailsheim Merlins, sendo elixido mellor atacante da Bundesliga con 22 puntos por partido.

Trae Bell caracterízase por ser un xogador moi rápido. Ademais da súa capacidade anotadora é un bo pasador: a pasada tempada promediou 7,3 asistencias.

Renovación no Obradoiro

Por outra banda, o Obradoiro comunicou a renovación de Kassius Robertson. Este escolta de 1,90 metros e 27 anos chegou ao equipo compostelán o pasado verán e promediou 15,2 puntos (41,2% en tiros de dous, 41,6% en tiros de tres e 73,3% en tiros libres), ademais de 2,7 asistencias en 27 minutos por partido.

O xogador obradoirista confesou estar "moi feliz e emocionado por poder volver xogar por segundo ano no Obradoiro. A tempada pasada foi moi dura e fíxose máis difícil sen sentir o apoio da afección desde as bancadas". "Temos pendente poder vivir cada partido cos afeccionados, vibrar con eles e dedicarlles o maior número de vitorias posíbel, sinalou. 

comentarios