O Breogán disputa o partido máis importante de toda a tempada

Unha derrota deixaría os galegos fóra da Liga ACB
O conxunto dirixido por Diego Epifanio contará co apoio do seu público no Pazo Provincial. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O conxunto dirixido por Diego Epifanio contará co apoio do seu público no Pazo Provincial. (Foto: Leite Río Breogán).

O Pazo Provincial dos Deportes de Lugo acolle nesta quinta feira ás 20.30 horas da tarde o partido máis importante no que vai de tempada para o Leite Río Breogán, un choque tan decisivo que, de perdelo, suporía dicir adeus definitivamente ao ascenso á máxima categoría do baloncesto estatal.

Logo de caer derrotado no primeiro partido da derradeira eliminatoria da LEB Ouro ante Covirán Granada -verdugo do Leyma Básquet Coruña nas semifinais-, a escuadra lucense encara o encontro coa presión que supón a obrigatoriedade do triunfo, mais coa vantaxe e a tranquilidade que outorga afrontar un desafío de tal magnitude ante o propio público, que se reunirá nas bancadas do Pazo en número non superior a 1.500 persoas.

Ademais, o Breogán ten na súa propia historia o modelo a seguir para lograr darlle a volta á  situación, pois na tempada 1998/99 conseguiu o primeiro ascenso á ACB en toda a súa historia logo de superar unha derrota no primeiro partido da última rolda ante Melilla Baloncesto.

E non só na casa está o espello no que mirarse, pois a pesar de que a estatística indica que 75% dos equipos que gañan o primeiro asalto rematan por facerse coa eliminatoria, nesta última década existen dous importantes precedentes, como son a remontada do Ford Burgos de Andreu Casadevall ante un Destino Palencia que comezara con firmeza no seu primeiro partido na casa durante a tempada 2013/14, e a xesta de Lucentum Alacante na 2012/13, onde anulou a vantaxe obtida por Morabanc Andorra no Poliesportiu e rematou igualando unha serie  que se resolveu ao seu favor co plus de ter o factor campo na súa contra.

Xa que logo, todos estes precedentes poderían ser empregados por Diego Epifanio para motivar os seus homes de cara a lograr un triunfo que desemboque nun hipotético terceiro e decisivo encontro o vindeiro domingo no Pazo Municipal dos Deportes de Granada.

Sergio García, un ano máis á fronte do Leyma

A derrota do Básquet Coruña ante Covirán Granada impediu que dous equipos galegos se disputasen a única praza en xogo na ACB na finalísima da LEB Ouro. Porén, este último tropezo non embazara gran tempada da formación laranxa, polo que a directiva tomou a determinación de renovar o contrato do técnico Sergio García.

Deste modo, o preparador donostiarra volverá afrontar o reto do ascenso na inminente campaña 2021/22, que agarda que sexa "normal, é dicir, con público, sen pandemia, sen lesión, con dous ascensos e con máis certezas no modelo de competición".

A Covid-19 deixa Tamara Abalde fóra do Eurobasket

O baloncesto galego perde unha das dúas representantes coas que contaba no inminente Eurobasket, pois Tamara Abalde causa baixa por Covid-19.

A pesar de estar vacinada, de non contar con ningún tipo de síntoma, de levar en illamento desde a pasada sexta feira e de dar negativo nos test desde antonte, o seleccionador Lucas Mondelo tomou a determinación de prescindir dos servizos da competidora galega, así como da manacorí Alba Torréns, tamén afectada polo virus.

Afortunadamente, a súa substituta será outra galega como é Paula Ginzo, e isto non supón a exclusión de Abalde dos Xogos Olímpicos, pois reincorporarase á concentración o 5 de xullo.

Comentarios