O Breogán desafía o Real Madrid sen nada que perder

A escuadra lucense debuta esta quinta feira (ás 21.30 horas) na Copa do Rei ante o máximo favorito con todo por gañar. O Leite Río Breogán é o terceiro equipo da historia da ACB que se clasifica para a Copa na súa primeira campaña na elite.
En outubro o Breo estivo a piques de dar a sorpresa. Catro meses despois aspira a asaltar definitivamente a Casa Branca. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera En outubro o Breo estivo a piques de dar a sorpresa. Catro meses despois aspira a asaltar definitivamente a Casa Branca. (Foto: Leite Río Breogán).

No ámbito deportivo do mundo anglosaxón emprégase moito a frase "to be the best, you've got to beat the best", que podería traducirse como "para ser o mellor, tes que vencer os mellores", e nese escenario atópase o Leite Río Breogán no seu debut na Copa do Rei de baloncesto (hoxe, 21.30 horas) ante o equipo número un do conxunto do Estado e máximo favorito a facerse co triunfo final: o todopoderoso Real Madrid, que baixo a dirección de Pablo Laso -o seu técnico desde 2011- acumula só nas últimas cinco tempadas tres títulos copeiros, outros tantos da ACB, catro Supercopas e unha Euroliga.

A superioridade do xigante branco é tan clara que desde a prensa madrileña prognostican un cómodo triunfo por máis de 10 puntos de diferenza, pero nas súas análises semella que non están tendo en conta que ese xigante nunca foi tan vulnerábel como agora, como demostran as cinco derrotas que acumulan nas últimas tres semanas entre a competición doméstica e a continental, algo do que Pablo Laso si que é consciente, tal e como recoñeceu na rolda de prensa posterior ao clásico que perdeu contundentemente (68-86) ante o Barcelona a pasada semana: "Estou preocupado e fodido".

Razóns non lle faltan para estalo, porque a pesar de que aínda conserva o dominio do xogo interior que caracterizou os merengues desde a súa chegada -da man de homes como Thompkins, Randolph, Yabusele, Poirier ou Tavares, o máis destacado nesta crise que están padecendo-, ofensivamente non son nin unha sombra da súa mellor versión, como demostra que no recente duelo contra os blaugranas na Euroliga certificasen a segunda peor porcentaxe de acerto nos triplos da historia da competición (9,1%), logo de encestar unicamente un dos seus 22 intentos.

Outros motivos para ter fe no milagre da clasificación celeste é o precedente máis inmediato entre ambos os equipos, que tivo lugar hai hoxe catro meses e no que o Leite Río Breogán a piques estivo de dar a sorpresa. O resultado final de 71-79 pode levar a engano, pois nunca lle perdeu a cara ao partido, chegando a marcar o electrónico un axustadísimo 70-72 até que dúas xogadas illadas de Sergio Llull desequilibraron a balanza a prol do Real Madrid.

Obxectivo: facer historia

O Leite Río Breogán é o terceiro equipo recentemente ascendido que se clasifica para a Copa do Rei na súa primeira campaña na elite, fazaña conseguida anteriormente por Bilbao Básket (2020) e Fuenlabrada (1999), e a súa aspiración é facer historia tornando no primeiro debutante que alcance a segunda rolda copeira, pois os seus predecesores caeron ás primeiras de cambio.... precisamente ante o Real Madrid. 

Nas filas do conxunto biscaíño que sucumbiu ante os brancos hai un par de anos militaba Iván Cruz, un dos únicos dous xogadores en todo o cadro breoganista que ten experiencia na Copa. O outro é Jordan Sakho, que tomou parte en dúas edicións defendendo as cores de San Pablo Burgos e Lenovo Tenerife.

A principal arma da formación da Cidade da Muralla para non pagar a novatada será Džanan Musa, número un no ránking de valoración da Liga ACB por diante de estrelas mundiais do nivel de Ante Tomić ou Nikola Mirotić. O bosníaco asegurou que pelexarán "até o último minuto por facer posíbel o imposíbel". "Xogamos ante o Real Madrid, un dos mellores equipos de Europa, con grandes xogadores dun gran tamaño na pintura como Yabusele e Poirier, e tamén no perímetro, en todas as posicións. Nós respectamos a calquera, mais non tememos a ninguén, por iso darémolo todo para gañar, pelexando até o último minuto", concluíu a gran estrela do Leite Río Breogán.

Comentarios