O Breogán debe vencer o líder para seguir aspirando a xogar o 'play-off'

O Barça, antepenúltimo rival ligueiro dos lucenses.
O rendemento de Džanan Musa volverá ser chave para o Breo. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O rendemento de Džanan Musa volverá ser chave para o Breo. (Foto: Leite Río Breogán).

Desafío maiúsculo o que debe afrontar a partir das 20.45 horas deste sábado o Leite Río Breogán, pois enfronte terá o intratábel Fútbol Club Barcelona, sólido líder da ACB e, salvo gran sorpresa, gañador da fase regular do campionato.

O conxunto catalán é, como se adoita dicir, un conxunto dunha liga diferente á do galego, mais o play-off polo título segue a ser unha opción máis que plausíbel cando quedan tan só tres partidos por disputar, polo que os celestes están obrigados a saír a xogar de ti a ti contra o xigante blaugrana.

Co sétimo e o sexto fora de alcance, a día de hoxe o oitavo posto -e último que dá acceso ao play-off- é o único ao que pode aspirar o Breogán, estando actualmente ocupado polo UCAM Murcia con 16 triunfos, os mesmos que Gran Canaria, Surne Bilbao Básket e un máis que o Leite Río Breogán.

O seu técnico, Veljko Mršić, mostrouse plenamente consciente da magnitude do reto, e máis tendo en conta que non poderá contar con dúas pezas da importancia de Trae Bell-Haynes e Džanan Musa: "Darémolo todo, non será fácil, pero estou moi orgulloso de como están a competir os meus homes, e máis tendo en conta os problemas coas lesións".

O Obradoiro, na procura da salvación

E se para lograr o seu obxectivo o Breogán terá que pasar por enriba do líder, o Monbus Obradoiro terá que facer o propio co segundo clasificado, o Real Madrid.

A escuadra capitalina entrará en xogo no Sar ás 20 horas de mañá sabendo que cun triunfo a permanencia quedaría certificada, mais o preparador dos composteláns, Moncho Fernández,  di que serán vitais "o rebote e as accións un contra un" para superar "un equipo con ADN gañador como o Real Madrid".

Comentarios