O Breogán busca en Tenerife seguir na pelexa polo 'play-off'

Baxi Ferrol podería descender se non gaña
O rendemento de Džanan Musa volverá ser chave para o Breo. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O rendemento de Džanan Musa volverá ser chave para o Breo. (Foto: Leite Río Breogán).

O reloxo de area da tempada baloncestística vai deixando caer os seus últimos grans, o que significa que o tempo se esgota para que ambos os representantes da Galiza na Liga ACB, Leite Río Breogán e Monbus Obradoiro, consigan cadanseus obxectivos.

No caso dos lucenses non é outro que meterse entre os oito primeiros para ter dereito a competir no play-off polo título ligueiro. Décimo clasificado con 13 triunfos, mañá, a partir das 20.45 horas, podería dar un paso de xigante no caso de ser quen de superar na súa pista Lenovo Tenerife, sexto con 16.  

O técnico celeste, o recentemente renovado Veljko Mršić, considera que o conxunto insular é "moi bo", entre outros factores "porque ten un cadro de xogadores moi amplo e non depende dun só home", o que non significa que non sexa "optimista" en que o Breogán poida ser quen de "dar a sorpresa".

Ben diferente é a meta final nesta campaña 2021/22 do Monbus Obradoiro. Os da capital son quintos pola cola cun mínimo colchón dunha vitoria sobre os postos de descenso, o que sobredimensiona o xa transcendente choque ante Urbas Fuenlabrada (hoxe, 18 horas), con quen está empatado na clasifiación.

Moncho Fernández, adestrador do Obra, explicou na rolda de prensa previa ao encontro que a escuadra madrileña é unha especialista "contraatacando", polo que fixo un chamamento a "ter moito coidado" nese eido. A maiores, expresou o seu desexo de que os seus fosen capaces "de manter as porcentaxes de tiro" que tiveron no último encontro, no que gañaron un equipo da zona nobre como Manresa.

Todo ou nada para o Baxi

Na competición análoga á ACB na modalidade feminina, a Liga Endesa, a de hoxe será a antepenúltima xornada ligueira, o que para o Baxi Ferrol significa todo ou nada: de non gañar Kutxabank Araski ás 20.15 horas no Pavillón da Malata dirá adeus con práctica seguridade á máxima categoría.

Pola súa parte, Durán Maquinaria Ensino tamén ten presión sobre os seus ombreiros de cara ao choque de hoxe ás 19.15 horas contra Valencia Basquet (Pazo dos Deportes de Lugo), pois, como o Leite Río Breogán, aínda conta con opcións de meterse no play-off polo título ligueiro.

Comentarios