'Breaking', o novo deporte que revoluciona os Xogos Olímpicos

Desde que a comezos desta semana o COI anunciara a inclusión do 'breaking' no programa dos Xogos Olímpicos de París 2024 sucedéronse os ataques, sobre todo desde algunhas das disciplinas excluídas como o karate ou o squash, contra unha modalidade deportiva pouco coñecida pero con gran prédica entre a mocidade, tamén na galega. 
Este novo deporte chegou para quedar, pois ademais de en París tamén estará, polo menos, nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028. (Foto: CD Da Rúa).
photo_camera Este novo deporte chegou para quedar, pois ademais de en París tamén estará, polo menos, nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028. (Foto: CD Da Rúa).

París, ano 1900. Nos segundos Xogos Olímpicos da era moderna Pedro José Pidal y Bernaldo de Quirós, marqués de Villaviciosa de Asturias, estrea o palmarés do Estado español no torneo cunha medalla de prata. A modalidade? Tiro ao pichón. 

En 2024 a capital gala volverá acoller uns Xogos, mais, como non podía ser doutro modo, ningunha das competicións consiste en disparar a un animal, porque unha das características principais da raíña das probas deportivas -e do propio espírito olímpico- é a evolución, a adaptación á sociedade e ás súas prácticas. 

Entón, por que se formou tanto balbordo a raíz do anuncio de que o breaking -xunto co surf, o skate e a escalada- será deporte olímpico en París? Acusacións de "acción de mercadotecnia" do Comité Olímpico Internacional, ou ataques directos con palabras tan duras como "vergoña", "mofa" ou alusións á súa "falta de pureza deportiva" por parte de voceiras a nivel internacional de moitas das disciplinas excluídas da programación -caso do squash, o béisbol, o karate ou ou fútbol sala- sucedéronse nos medios de comunicación de todo o mundo.

'Breakdance' vs 'breaking'

Pablo Castiñeira está detrás da Vella Escola, unha entidade especializada na organización de eventos e obradoiros de cultura urbana, traballando modalidades como parkour, graffiti, bmx e, por suposto, breakdance e breaking, que, contra a crenza popular, non son o mesmo. Segundo explica o propio Castiñeira para Nós Diario, "breaking' úsase para referenciar a disciplina olímpica e 'breakdance' emprégase máis no ámbito artístico".

E, se ben di "entender" parte dese "sensacionalismo" que se leva feito estes últimos días coa inclusión do breaking no programa olímpico", e mesmo recoñece que o breakdance sempre foi "unha disciplina artística" desde o seu xurdimento no Bronx neoiorquino a finais dos anos 70, reivindica que "ten unha rama deportiva que leva protagonizando competicións desde principios da década dos 90"

"A súa estrutura -apunta- é a dun baile que se leva á competición e no que se enfrontan unha persoa contra outra, cun xurado que avalía aspectos como o ritmo e a creatividade das composicións, a calidade da técnica, a súa execución, a enerxía coa que se dá réplica á opoñente e a coherencia nesa resposta, de modo que teña que ver co que el ou ela fixo antes, o que no ámbito urbano denominamos 'pregunta e resposta'.

Cuestionado sobre como se articulará a proba en París 2024, Pablo Castiñeira pensa que seguirán o modelo empregado nos Xogos Olímpicos da Xuventude desenvolvidos na Arxentina no ano 2018. Alí, a competencia de breaking estivo segregada entre homes e mulleres -"a pesar de que na rúa adoitan competir xuntas"-, mais "quedan aínda catro anos e todo está por decidir, especialmente tendo en conta que o breaking chegou para quedar, pois tamén estará en Los Ángeles 2028", conclúe.

Galiza será pioneira na estruturación do 'breaking' nunha federación deportiva

A relación de Pablo Castiñeira co 'breaking' non se limita á Vella Escola, pois tamén está vinculado co Clube Deportivo da Rúa, que desde Neda converteuse en pioneiro no artellamento deportivo dunha disciplina que aínda non está institucionalizada.

"Até o de agora as competicións estaban organizadas por asociacións culturais ou empresas, pero con este recoñecemento por parte do COI desenvolverase un circuíto federado cos seus propios equipos e eventos, que a nivel estatal xirará arredor da Federación Española de Baile Deportivo, da que o Da Rúa foi o primeiro clube en inscribirse", debulla Castiñeira, quen engade que desde Galiza axudarán "ás novas xeracións das escolas de todo o país para que teñan opcións a constituír os seus propios clubes e a ter acceso a esa Federación".

Comentarios