O 'break dance' ábrese paso na Galiza coa ollada posta nos Xogos Olímpicos

Os Xogos de París 2024 incluirán por vez primeira unha disciplina artística que non deixa de medrar en popularidade por todo o mundo: o break dance. Na Galiza hai xa unha competición oficial e unha federación que ampara os clubes que, aos poucos, van xurdindo para dar cabida a 72 deportistas.

Unha das competicións de break galegas decorrida no Festival Extruga na Rúa de Verín a finais de agosto. (Foto: Sabela Souto)
photo_camera Unha das competicións de 'break' galegas decorrida no Festival Extruga na Rúa de Verín a finais de agosto. (Foto: Sabela Souto)

Os Xogos Olímpicos de Toquio 2020 introduciron cinco disciplinas deportivas inéditas: karate, surf, escalada deportiva, baloncesto 3x3 e skateboarding. O obxectivo era "renovar" a competición e achegala á xente nova, e con ese mesmo pretexto na vindeira cita, París 2024, o break dance será olímpico.

Trátase dunha modalidade artística e cultural orixinada nos EUA no último cuarto do século XX e popularizada ao longo da década de 1980, cando deu tamén o salto a Europa. Hoxe milleiros de persoas practican o break, quer en exhibicións quer nas competicións —amateur e oficiais— que están a medrar de forma considerábel. Tamén no noso país, onde en 2021 estreouse a Liga Xunta da Galiza de Break, baixo o paraugas da secretaría xeral do Deporte. O seu organizador e un dos principais impulsores desta modalidade na Galiza, Pablo Castiñeira, explica a Nós Diario que o obxectivo principal, tanto desta competición como da recentemente creada Federación Galega de Baile Deportivo, é "achegala a toda a Galiza e crear unha base nas novas xeracións para derivalas aos clubes e ir nutrindo a escena galega cun futuro máis forte".

A entidade á que el representa, o Club Deportivo da Rúa, foi a primeira rexistrada na federación estatal —da que Castiñeira fai parte— e, polo de agora, a única oficial na Galiza. Porén, sinala que hai varios equipos que están en proceso de constitución. En todo o Estado español, precisa, "non hai practicamente ningunha liga das dimensións da nosa". De feito, hoxe esta competición conta con 72 persoas inscritas procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.

"Vemos moitas promesas nas novas xeracións", di Pablo Castiñeira

Castiñeira admite que, debido á proximidade de París 2024, será case unha misión imposíbel que a Galiza teña representación nunha modalidade na que participarán só 16 homes e 16 mulleres de todo o mundo en cadansúa categoría, mais xa comeza ollar cara aos Ánxeles 2028, cita na que o break podería repetir. "Temos aínda marxe e vemos moitas promesas nas novas xeracións, hai galegos no 'top 16' estatal e até no 'top 3' na categoría sub-18. Mais hai que ser realistas e recoñecer que é moi complicado", di.

Na liga galega as persoas compiten a título individual e están agrupadas non por sexo ou idade, senón por niveis de experiencia: iniciación, intermedio e avanzado. "Temos xente que levaba anos practicándoo e outra que non se atrevía a competir polo alto nivel, por iso pretendemos darlles a categoría axeitada para que o break medre na Galiza", apunta.

Batallas eliminatorias de tres roldas

O circuíto galego está composto hoxe por dez sedes: Lalín, Noia, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Santiago de Compostela, Verín, Vigo e Viveiro. A próxima cita no calendario é a da cidade olívica, o 10 de setembro, na modalidade por parellas. O outro formato de competición, de un contra un, é o que debutará en París. Na liga galega hai unha primeira fase de preselección por grupos da que se escollen as persoas que participarán na loita polo título, que segue o formato olímpico: eliminatoria directa con oitavos, cuartos, semifinais e final.

Nos enfrontamentos non pode haber contacto físico entre opoñentes, algo que podería derivar mesmo na descualificación se as e os xuíces o considerasen un "altercado grave". Cada batalla consta de tres roldas, dun máximo de 60 segundos por participante, e é xulgada por un mínimo de tres xuíces —sempre un número impar—, mentres o árbitro ou árbitra ten a responsabilidade de garantir o cumprimento da normativa.

"Non queremos que ninguén sinta frustración, senón que gocen, coñezan xente e se sumen ao deporte, non tanto por competir senón por collerlle o gusto", conclúe Pablo Castiñeira. O baile deportivo segue a medrar en afección e participación, o tempo dirá se á nutrida lista de medallistas olímpicos da Galiza terminan sumándose as e os breakers.

Comentarios