Borja Jiménez substitúe De la Barrera á fronte do Dépor

O Compos tamén ten novo técnico. O cadro estará baixo as ordes de Rodrigo Veiga.
O flamante adestrador branquiazul, asinando o seu contrato. (Foto: Deportivo da Coruña) #borjajiménez #deportivo #depor #rubéndelabarrera #adestrador
photo_camera O flamante adestrador branquiazul, asinando o seu contrato. (Foto: Deportivo da Coruña)

O Real Club Deportivo da Coruña confirmou o segredo a voces: Rubén De la Barrera xa é historia e o novo responsábel do primeiro equipo branquiazul será o abulense Borja Jiménez. 

O novo adestrador Deportivista, de apenas 36 anos de idade, iniciou a súa carreira no filial do Valladolid na tempada 2015/16, na que se fixo cargo do conxunto pucelano durante 27 partidos. Despois, e durante as dúas tempadas seguintes, adestrou a Club Deportivo Izarra, primeiro, e Rápido de Bouzas, despois, co que quedou a un paso de clasificarse para o play-off de ascenso á Segunda División.

O éxito na escuadra galega catapultouno ao Mirandés, co que si logrou subir á categoría de prata, éxito que repetiría ao ano seguinte -tras unha breve aventura no exótico Asteras Tripolis da Primeira grega- no Cartaxena, club co que viviu nesta mesma tempada 2020/21 a súa primeira experiencia en Segunda División. Lamentabelmente para os seus intereses, non chegou a comer o turrón, pois foi destituído na xornada 18 logo dos malos resultados colleitados até ese momento por unha Efesé afundida na zona baixa táboa.

Na Coruña, Jiménez estará acompañado polo catalán Álex Martínez López como segundo adestrador e polo coruñés Luís Rodríguez Fandiño, que exerceu como preparador físico no Fabril na presente tempada.

A polémica marcha de Rubén De la Barrera

A incorporación do novo técnico branquiazul chega logo dunha amarga polémica co até o de agora inquilino do banco coruñés, Rubén De la Barrera, que marcha logo da finalización do seu contrato e soa como posíbel novo adestrador do Albacete.

Non obstante, e nun comunicado publicado nas súas redes sociais, De la Barrera evitou o conflito público e mostrouse "orgulloso" do traballo feito durante os seus seis meses á fronte do Deportivo, agradecendo "a todas e cada unha das persoas" coas que traballou no conxunto herculino.

Rodrigo Veiga substitúe Yago Iglesias no Compos

Outra escuadra galega que anunciou no día de hoxe o nome do seu novo adestrador foi a Sociedade Deportiva Compostela, que confirmou Rodrigo Veiga como substituto de Yago Iglesias á fronte do primeiro equipo.

Comentarios