Un bon Celta cae na estrea de San Mamés após desbaldir un penalti

A equipa de Luis Enrique deixou unha moi boa impresión na inauguración da nova Catedral.

Celta
photo_camera Celta

Foi un choque eléctrico, un xogo de poder a poder, con dúas equipas que non se engruñaron en ningún momento. Os de casa, hipermotivados pola posta de longo do seu novo campo. Os de Luis Enrique, porque este Celta é así, non naceu para se enclaustrar na cova e procura sempre xogar a pelota, co ollar posto no frente de ataque.

Todo parecía correr ben para os vigueses cando Charles, após unha sensacional asistencia de Rafinha, culminou un espléndido contragolpe celeste. 0-1, m. 13. Un gol histórico, o primeiro que se marca no novo San Mamés. Pouco demorou o Athletic en igualar, nunha xogada con certa fortuna.

Entón entrou en xogo a sociedade formada por Nolito e Charles. Dúas asistencias daquel xeraron senllas ocasións de gol do avanzado brasileiro. A primeira, infelizmente, foi un penalti desaproveitado, a bola por enriba da trabe, con Iago Herrerín xa vencido. A segunda foise fóra, por moi pouco, unha vaselina de Charles que merecía ter sido gol.

Charles fixo un gol histórico, o primeiro que se marca no novo San Mamés

No segundo acto, o Athletic Club impuxo o seu fútebol combinativo e o Celta, fisicamente moi xusto de forzas, apenas criou perigo. Si o suficiente para que Santi Mina coroase cun gol a súa estrea na élite. Peiteou un centro desde a esquerda do coruñés Toni para bater a Herrerín.

Era o minuto 78. Había tempo para tentar o empate. Mais o Celta morreu na beira da praia, sen azos para xerar máis fútbol ofensivo.

Athletic Club: Iago Herrerín, Iraola, Aymeric, San José, Gurpegi, Morán, Beñat (De Marcos, min.81), Ander Herrera (Mikel Rico, min.69), Muniain (Ibai, min.73), Susaeta e Aduriz.

R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, David Costas, Fontás, Toni, Oubiña, Álex López (Madinda, min.71), Rafinha, Augusto (Santi Mina, min.71), Charles y Nolito (Orellana, min.76).

Goles: 1-0, min-13: Charles; 1-1, min.18: San José; 2-1, min.61; Iraola; 3-1, min.67: Beñat; 3-2, min.78: Santi Mina

Comentarios