Boas sensacións dos tres padexeiros galegos no Slalom olímpico de Praga

Os slalom galego vive un auxe actualmente, que se reflicte en actuacións como estas, nunha modalidade até hai pouco dominada por padexeiros vascos e cataláns.
daniel_perez_praga
photo_camera Daniel Pérez, padexeiro de 18 anos do Club Piragüismo Penedo competiu contra o campión olímpico Dennis Garghaud Chanut (CP Penedo)

Os tres padexeiros galegos que competiron a pasada fin de semana no Campionato de Europa de Slalom Olímpico de piragüismo regresaron de Praga con boas sensacións. 

Ainhoa Lameiro, do Club Piragüismo Penedo, fixo unha actuación impecábel na clasificatoria pasando directa ás semifinais xa na primeira manga. Aquí, nun exixente percorrido a nivel técnico e físico, Ainhoa completou unha sólida manga en que algúns toques e unha pequena perda de traxectoria relegárona á 16ª posición. 

O compañeiro de club dela, Daniel Pérez, tivo un erro na primeira manga clasificatoria no último remonte á esquerda, tendo que ir á repesca. Aquí mellorou a súa prestación, mais dous toques deixárono ás portas da semifinal ao quedar sexto (só pasaban os cinco primeiros). Nesta repesca, o padexeiro de 18 anos competiu con, entre outros, o campión olímpico Dennis Garghaud Chanut.

E Luís Fernández, do Club Deportivo Miño, fixo un bo tempo na primeira baixada, mais con demasiadas penalizacións por toques nas portas, que o deixaron a un posto de entrar en semifinais. Na repesca de semifinais puido facer un bo tempo, e ficou fóra das semifinais, rematando o campionato no 24º posto.

Competición por equipos

Na competición por equipos ou patrullas, Lameiro finalizou en quinta posición. Na categoría masculina, Pérez, Fernández e o catalán Miquel Travé competiron xuntos. A baixada resultou un tanto accidentada, con algúns fallos, que os deixaron lonxe das medallas, mais nunha meritoria sétima posición.

Os slalom galego vive un auxe actualmente, que se reflicte en actuacións como estas, nunha modalidade até hai pouco dominada por padexeiros vascos e cataláns.

Comentarios