Fútbol | Primeira

Un bo Celta inaugura o ano vencendo o Elxe (0-1)

Os celestes fecharon unha negativa xeira de tres meses sen coñecer a vitoria en Liga.
Iago Aspas anotou o primeiro gol da Liga no ano 2023 golpeando o balón, literalmente, co escudo. (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas anotou o primeiro gol da Liga no ano 2023 golpeando o balón, literalmente, co escudo. (Foto: RC Celta)

Por fin! O Real Club Celta de Vigo gañou en Elxe o seu primeiro partido ligueiro en tres meses (0-1) e afronta con ánimos renovados o ano 2023.

Na previa apostamos nestas mesmas páxinas de Nós Diario por un regreso á táctica 5-3-2, e acertamos. Non foi así no referente aos 11 escollidos por Carlos Carvalhal, pois o luso optou por Marchesín; Hugo Mallo, Unai Núñez, Aidoo, Mingueza, Javi Galán; Fran Beltrán, Gabri Veiga, Franco Cervi; Iago Aspas e Gonçalo Paciência, recompensado cunha titularidade que sobre o papel correspondía ao noruegués Jörgen Strand Larsen.  Porén, non foi o mellor partido do combativo atacante do Porto e foi substituído no descanso, precisamente, por Larsen.

Quen si estivo sobresaínte foi Gabri Veiga. O canteirán está a ser o máis positivo dunha tempada 2022/23 moi inestábel tanto no plano deportivo como no institucional, e o principal beneficiado da marxinación desde a presidencia de Denís Suárez, aproveitando todos e cada un dos moitos minutos dos que está a dispor.

Nesta ocasión protagonizou unha gran combinación con Paciência no costado dereito do campo e, tras meterse na área, realizou un disparo que rexeitou o porteiro ilicitano, chegando o balón ao peito dun Iago Aspas que, literalmente, definiu co escudo cando o marcador do Martínez Valero indicaba o minuto 5 de partido.

Desde entón iniciouse un monólogo case indefinido dos xogadores olívicos, que contaron con varias oportunidades -todas elas estelarizadas por Veiga ou Aspas- para aumentar a vantaxe, pero sen éxito.

Tantas foron que no 55 Lucas Boyé, un ex do Celta, estivo a piques de lembrarlles aos celestes que no fútbol quen perdoa, paga, pero Marchesín -a quen se lle acusa de non realizar paradas determinantes- realizou unha intervención de mérito.

Porén, o Celta logrou fecharse ben e volve a Vigo cos tres puntos.

Comentarios