Un bo Celta cae no Bernabeu tras desaproveitar até 3 ocasións de gol

A vitoria madridista (3-0) non reflexa o acontecido no céspede, onde os celestes trataron de ti durante todo o partido ao megaproxecto de Florentino. O Celta desaproveitou até 3 ocasións claras de gol.

celta-madrid
photo_camera celta-madrid

Malia o que se poida pensar, o Celta non foi nunca un equipo fácil para o Real Madrid. As propias estatísticas din que, despois do Barça, o combinado celeste é o que máis puntos conquistou no que vai de século ante os merengues.

E o Celta saltou ao terreo de xogo con seis galegos na alineación e disposto a facer honra a esa estatística. Tarefa nada doada pois enfronte ten un equipo fabricado a golpe de talonario, si, mais que xoga ben e é terríbel en contundencia goleadora. Que o que custa Bale equivale ao orzamento do Celta para tres temporadas axuda a mirar en perspectiva o romanticismo futboleiro.

O Celta non tivo sorte. Mais xa dicía Clint Eastwood aquelo de que a sorte era só para os ricos

Os celestes tiveron varias ocasións claras de gol. A principal, e cando o partido aínda estaba nos seus inicios, na bota de Charles, no minuto 5, que se plantou en solitario diante de Diego López, tirou e o gardamallas madridista desviou a bola. No minuto 80, unha gran asistencia de Nolito a Rafinha xerou outra desas oportunidades nas que berrar Gol sube á gorxa. Entre esas 2 xogadas, o Celta tivo varias oportunidades que non logrou materializar.

Os goles

Ao contrario que o Real Madrid, que si que meteu as que tivo. Benzema e Cristiano Ronaldo (en dúas ocasións) foron os autores dos goles que derrubaron ao Celta no Bernabeu. Un equipo, o celeste, que mereceu moita mellor sorte. Mais a sorte, como diría Clint Eastwood cando era Clint Eastwood e facía filmes de vaqueiros perdoavidas, é cousa de ricos.

Comentarios